Dous vehículos do Consorcio Provincial Contra incendios acoden a Cambados a extinguir un incendio nun edificio

Os efectivos tiveron que desaloxar a vinte veciños e veciñas do inmoble polo fume dos cales unha ducia foron evacuados ao hospital do Salnés
Publicado por o día 07/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Dous vehículos do Consorcio Provincial Contra incendios acoden a Cambados a extinguir un incendio nun edificio

O Consorcio Provincial Contra incendios mobilizou a mañá de onte a dous vehículos dos parques de Ribadumia e Vilagarcía de Arousa ante o aviso dun incendio nun edificio de catro plantas na travesía de Valle Inclán en Cambados.

Os efectivos de Ribadumia chegaron en cinco minutos, tras recibir o aviso do servizo 112 pasadas dous minutos das sete da mañá, e nese intre a Garda Civil xa estaba desaloxando a tres veciños do inmoble. En doce minutos presentáronse os efectivos do parque de Vilagarcía de Arousa e se procedeu á evacuación da totalidade do edificio dada a alta carga de combustión que presentaba o incendio e a gran cantidade de fume. Preto de vinte persoas foron evacuadas das cales unha ducia foron remitidas ao hospital do Salnés por presentar problemas respiratorios polo fume.

Os dous equipos do Consorcio Provincial que se desprazaron con sendas bombas urbanas, de máis de tres mil litros de auga cada unha, desenvolveron un intenso traballo pola alta carga térmica da vivenda que obrigou a empregar gran cantidade de auga. Non obstante o incendio só afectou a esta vivenda e o resto do edificio apenas rexistrou danos salvo as manchas polo fume. Os bombeiros de Vilagarcía de Arousa retiráronse pasadas as nove da mañá unha vez extinguido o incendio e no lugar permaneceu ata as doce da mañá a brigada de Ribadumia para a retirada de cascallos  e refresco da vivenda afectada.