Down Vigo celebra o seu 30 aniversario e acolle os actos centrais do Día Mundial da Síndrome de Down en Galicia

O próximo 21 de marzo terá lugar unha gala non Teatro Salesianos que inclúe un concerto, unha actuación de maxia e a entrega dos VI Premios Down Galicia.  Pola mañá está prevista unha xornada de conferencias sobre inclusión educativa na sede de Afundación.
Por o 20/03/2019 | Sección: Galicia,Vigo
Down Vigo celebra o seu 30 aniversario e acolle os actos centrais do Día Mundial da Síndrome de Down en Galicia
Compartir en:

Down Vigo celebra o próximo 21 de marzo o seu 30 aniversario cunha gala que servirá de acto central para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down en Galicia. Ese mesmo día pola mañá, na sede de  Afundación, terá lugar unha xornada técnica sobre inclusión educativa.

Gala conmemorativa

O evento lúdico comezará ás 19 horas e será de entrada libre. Están convidadas as principais autoridades locais, provinciais e autonómicas, así como membros destacados das diferentes Xuntas Directivas de Down Vigo, Down Galicia e o resto de entidades membro.

O acto estará  co-presentado pola viguesa Patricia Pérez (TVG, A Sexta) e persoas usuarias da entidade que, como protagonistas desta conmemoración, terán unha participación activa en toda a xornada, comezado pola lectura do Manifesto pola Autonomía Persoal.

A gala contará cun concerto en acústico de  Rivergood, o espectáculo “A  Maxia de Xabi” para pequenos e maiores, ilustracións en directo a cargo do  caricaturista Evaristo Pereira e a entrega dos VI Premios Down Galicia, que nesta edición contan con dúas categorías.

Na categoría individual, o galardoado é o  barista Marcos González, por visibilizar e promover a capacitación profesional das  persoas usuarias de Down Vigo, ofrecéndolles formación como  baristas e participación en campionatos a nivel nacional, ademais de liderar iniciativas de índole solidaria en beneficio da entidade.

O premio da categoría institucional recae sobre a Fundación Celta Integra, por promover a práctica deportiva inclusiva das  persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual coa súa participación activa na liga  Genuine.

Xornada Técnica sobre inclusión educativa.

O Día Mundial da síndrome de Down inaugúrase ás 11:30 horas cunha Xornada Técnica titulada “A inclusión na educación”. Contará con dúas conferencias a cargo de Jesús Flórez, catedrático en Farmacoloxía e Presidente da Fundación Iberoamericana Down21, e Lola  Izuzquiza, doutora en Ciencias da Educación e Directora da Cátedra de Patrocinio da Universidade Autónoma de Madrid-Fundación  PRODIS.

Ademais, está prevista a intervención de Sara Abalde, alumna do programa  ALIDA, formación superior desenvolta por Down Vigo en colaboración coa Escola Universitaria de Maxisterio  CEU San Pablo; e Clara Gutiérrez, alumna do Programa  PROMENTOR de Madrid.

A entrada a esta xornada é gratuíta previa inscrición por teléfono ou correo electrónico.

A estes actos súmanse accións colectivas como a iluminación de monumentos significativos de Galicia. En Vigo, as fontes de Rúa Aragón tinguiranse de cor azul, para visibilizar e concienciar á sociedade acerca deste día tan sinalado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.