Dúas detencións por violencia machista esta madrugada en Pontevedra

Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Galicia,Pontevedra,Sucesos

Dúas detencións por violencia machista esta madrugada en Pontevedra

A Policía Local de Pontevedra procedeu a deter a dous homes esta madrugada, ambos acusados de agresións por violencia machista.

A primeira das detencións tivo lugar ás 00:17h da pasada noite nunha vivenda de Mourente cando o detido intentaba botar do domicilio á súa parella e á irmá desta. Segundo o atestado da detención, a vítima relatou reiteradas ameazas de morte por parte do presunto agresor que se corresponden sempre con momentos nos que este se atopa en estado de embriaguez e manifestou que ten chamado ata tres veces ao 016 nos últimos tempos, aínda que ata onte non presentara denuncia. No momento da detención, a vítima relata que foi agredida no transcurso dun forcexeo cando ela intentaba trasladarse a outra dependencia da vivenda e o seu marido trataba de impedirllo. Tamén explica que o home lle cortara a auga e a luz do domicilio. Os propios axentes deixan constancia de que ao presunto agresor se lle atopa entre as súas pertenzas un fusible que impedía o funcionamento do fluído eléctrico da vivenda e que durante a detención e o momento no que a vítima relataba os feitos, o presunto agresor continúa insultando e proferindo ameazas cara a muller.

A segunda das agresións tivo lugar no centro urbano ás 6:03h no domicilio da vítima e o presunto agresor foi detido unhas horas despois. Trátase dun home que na actualidade xa ten unha orde de afastamento da muller agredida, que é a súa exparella e a nai dos seus fillos. A vítima, que manifestou que foi agredida a puñetazos e patadas tras unha discusión, presentaba feridas no rostro, na perna esquerda, en ambos brazos e no ollo dereito, polo que foi trasladada ao Hospital de Montecelo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.