Dúas marquesiñas de Cabanelas amencen con senllas pintadas

Publicado por o día 13/09/2018 na sección de Galicia,Ribadumia,Sucesos

Dúas marquesiñas de Cabanelas amencen con senllas pintadas

O Concello de Ribadumia informa de que dúas marquesiñas situadas na zona de Cabanelas foron obxecto de senllos actos de vandalismo.  O suceso tivo lugar a pasada noite, cando unha ou varias persoas descoñecidas realizaron pintadas no vidro das marquesiñas. Esta mesma mañá, os veciños avisaron ao Concello ao ver o estrago causado, aínda que non puideron facilitar datos sobre o sucedido. Non obstante, o Consistorio procederá hoxe mesmo a interpoñer a correspondente denuncia ante a Garda Civil para que o caso sexa investigado. Así mesmo, os operarios municipais intentarán eliminalas mañá, aínda que esta limpeza pode verse dificultada polos materiais e compostos químicos da pintura e o cristal das marquesiñas.

O feito prodúcese nunha área especialmente concorrida de Ribadumia, pola que transcorre a ruta do río Umia e na que se atopan as instalacións da Piscina Municipal. Ademais, son varias as desfeitas que nos últimos meses se veñen reportando nesta zona e que o Concello está a ter que denunciar, como a queima dun tramo do paseo situado á beira do río ou a aparición, en dúas ocasións, de cravos oxidados espallados preto da piscina, un feito especialmente grave se temos en conta a afluencia de nenos e nenas nesta época do ano.

A realización destas pintadas ten lugar poucos días despois do anuncio da posta a punto das marquesiñas do municipio, coa que os traballadores do Concello procedían á súa limpeza, así como a colocar avisos nos que se prohibe expresamente a pegada de carteis.