Dúas persoas evacuadas tras producirse un incendio na súa vivenda en Teo

Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Sucesos

Dúas persoas evacuadas tras producirse un incendio na súa vivenda en Teo

Un incendio declarado no interior dun ático na parroquia de Cacheiras, no concello coruñés de Teo, deixou a dúas persoas feridas de diversa consideración na madrugada de hoxe. Segundo a información facilitada polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o incidente puido ser provocado polo mal funcionamento dunha estufa de gas.

Ao fío das 05:00 horas, varios veciños se puxeron en contacto co 112 Galicia para dar conta dun lume nun edificio localizado na Travesía de Cacheiras. As testemuñas do ocorrido relataron aos xestores do 112 que escoitaron explosións e vían saír fume do interior do terceiro piso.

Nada máis ter constancia dos feitos, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ordes, do GES da Estrada e tamén dos membros de Protección Civil estradenses.

Tras a súa intervención, os servizos de extinción indicaron que o lume calcinou por completo o salón do inmoble e que o incendio foi provocado, probablemente, por unha estufa de gas. Os dous moradores afectados foron trasladados polo persoal sanitario ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Alertados polo 112 Galicia, tamén acudiron ao lugar dos feitos os axentes da Garda Civil. Ademais, os Bombeiros de Santiago foron avisados por se fose necesaria a súa colaboración.