Dúas persoas faleceron en senllos accidentes rexistrados en Carballo e Pereiro de Aguiar

Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Sucesos

Dúas persoas faleceron en senllos accidentes rexistrados en Carballo e Pereiro de Aguiar

Dúas persoas perderon a vida esta mañá como consecuencia de senllos accidentes de tráfico rexistrados en Carballo e Pereiro de Aguiar.

O máis recente sucedeu no concello ourensán, onde colidiron dous turismos que circulaban pola N-120, ao paso pola parroquia de Melias. Como consecuencia do impacto, un dos condutores implicados faleceu e o outro resultou ferido e, por tanto, evacuado ao centro hospitalario de referencia.

Foron varias as persoas que alertaron do accidente mediante as súas chamadas ao 112 Galicia, o que permitiu a activación dun operativo no que participaron os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, os Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas, membros do GES de Pereiro e axentes da Garda Civil de Tráfico.

Mesmo chegou a mobilizarse un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Ourense, pero nada puideron facer por salvar a vida do condutor. A causa do accidente, tamén resultou ferido o ocupante do outro coche, que, nun principio, parecía atrapado, pero foi quen de saír por unha das fiestras do vehículo sen a axuda dun equipo de excarceración.

Atropelo mortal en Carballo

Anteriormente, no termo municipal de Carballo, unha muller perdeu a vida nun atropelo na estrada AC-552 ao seu paso pola parroquia de Bértoa.

Todo comezou ao fío das 09:30 horas desta mañá, cando o persoal sanitario comunicaba ao 112 Galicia o desprazamento do helicóptero medicalizado con base en Santiago para atender a unha muller que fora alcanzada por un vehículo. Nada máis recibido o aviso, os xestores de emerxencias alertaron aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Carballo. Ademais, informouse aos membros de Protección Civil da localidade.

Malia aos esforzos dos efectivos sanitarios, nada puideron facer por salvarlle á muller.