Dúas persoas perderon a vida nas estradas galegas durante esta noite.
Unha muller e un home faleceron como consecuencia de senllos accidentes rexistrados en Teo e Rianxo nestas últimas horas.
O sinistro máis recente produciuse no límite entre as provincias da Coruña e Pontevedra, ao paso por Pontevea (Teo), pasadas as sete desta madrugada, cando un veciño chamou ao 112 Galicia para informar dunha colisión entre un turismo e un camión. Como consecuencia do impacto, a única ocupante do turismo perdeu a vida e foi necesaria a intervención dos equipos de excarceración para liberala.
Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos membros do GES de A Estrada e dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que só puideron confirmar o falecemento da condutora.
Tamén foron informados os Bombeiros de Ordes e Santiago, pero bastou o equipo estradense para rescatar o corpo sen vida da muller do interior do coche.
Ademais, os servizos de emerxencias contaron coa colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico para regular a circulación a garantir a seguridade mentres traballaban os efectivos de emerxencias. Do mesmo xeito, solicitouse a intervención do persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de retirar os restos provocados polo accidente.
Motorista falecido en Rianxo
Non foi o único accidente mortal rexistrado en Galicia nas últimas horas. Preto das dez da noite pasada un motorista perdeu a vida en Rianxo despois de bater co seu vehículo contra un turismo.
Este sinistro tivo lugar en O Pazo, tal e como indicou un particular que chamou ao 112 Galicia para pedir asistencia médica para a vítima. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisouse aos profesionais sanitarios, así como á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.
Máis tarde, os axentes de seguridade confirmaban o falecemento do motorista, que, en todo caso, estaba liberado e accesible.
Noticias de última hora en Vigo