Dúas persoas feridas nunha colisión múltiple na Coruña

Publicado por o día 11/01/2018 na sección de Sucesos

Dúas persoas feridas nunha colisión múltiple na Coruña

Unha colisión entre tres turismos ocorrida esta tarde na Coruña saldouse con dúas persoas feridas. O accidente tivo lugar debaixo da Ponte da Pasaxe, ás 16:55 horas.

Foi a esa hora cando un particular alertaba do sinistro ao 112 Galicia. Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros da Coruña.

Saída de vía
Ademais, en Foz, un home resultaba ferido leve ao saírse da vía o turismo no que circulaba. O sinistro ocorreu na saída da localidade, na variante de Foz a Burela. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o coche accidentado rematou encaixado nunha cuneta.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 14:50 horas, a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias.

A partir de aí, o persoal do CIAE puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Barreiros, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

Unha vez no lugar do sinistro, os servizos de emerxencias axudaron ao único ocupante do coche a saír do interior do vehículo, xa que se atopaba nunha situación difícil. Con todo, o home saíu polo seu propio pé e foi trasladado a un centro hospitalario.

Accidente entre autobús e coche
Por outra banda, unha colisión entre un autobús escolar e un turismo na Pobra do Caramiñal saldouse sen feridos. Segundo puido saber o 112 Galicia, no momento do accidente viaxaban no coche de liña 47 menores, que foron trasladados a outro autobús para completar o percorrido dende o IES da Pobra do Caramiñal ata Santa Cruz.

O accidente tivo lugar na rúa de Gasset, á altura do número 34, pasados uns minutos das 14:50 horas. Nese momento o 112 Galicia recibía a alerta do sinistro a través de Protección Civil. Os voluntarios indicaban que ningunha persoa estaba ferida.

Con estes datos, dende o CIAE informouse do ocorrido á Policía Local.