Dúas persoas liberadas tras quedar atrapadas no interior dos turismos nos que viaxaban en senllos accidentes ocorridos en Ribeira e Ares

Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Sucesos

Dúas persoas liberadas tras quedar atrapadas no interior dos turismos nos que viaxaban en senllos accidentes ocorridos en Ribeira e Ares

En Ribeira, un choque frontal entre dous vehículos que circulaban á altura do lugar da Mámoa, na estrada que enlaza Ribeira e Aguiño, deixou esta mañá  unha persoa ferida e atrapada nun dos turismos.

Ata o lugar, desprazáronse nada mais ser alertados polo 112 Galicia, os Bombeiros de Ribeira que tras confirmar a excarceración do ferido, indicaron que ía ser evacuado polos servizos sanitarios.

Así mesmo, o 112 Galicia informou do suceso, tras recibir o aviso dun alertante, sobre as 12:30 horas de hoxe, ao 061-Urxencias Sanitarias, axentes de Tráfico, da Policía Local e aos membros do Grupo de Emerxencias Municipal.

Atrapado en Ares

Por outra banda, en Ares, tamén dous coches colidían á altura do cemiterio, concretamente en Lubre, e unha persoa tamén resultaba ferida. Ademais, o ferido  e único ocupante do vehículo tivo que ser tamén excarcerado polos Bombeiros de Ferrol, tras quedar atrapado no interior dun dos vehículos.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente, ás 11:15 horas desta mañá, grazas a unha persoa particular que chamou para pedir axuda. Indicaba que había unha persoa no interior dun dos turismos que non podía saír.

Así, con estes datos,  os xestores do 112 pasaron aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros, que decontado se desprazaron ata o lugar. De igual xeito, tamén solicitaron a colaboración dos axentes da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil,  que confirmaron o traslado do ferido polos servizos sanitarios,  tras ser liberado polos Bombeiros.