Dúas persoas rescatadas tras envorcar a embarcación coa que navegaban en Pontedeume

Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Sucesos

Dúas persoas rescatadas tras envorcar a embarcación coa que navegaban en Pontedeume

Dúas persoas foron rescatadas este mediodía despois de que a embarcación coa que navegaban preto da praia de Ber en Pontedeume, envorcara. Dos dous tripulantes, un deles precisou asistencia sanitaria.

Pasadas as 12:15 horas deste mediodía o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibía a chamada de varios alertantes que informaban dunha lancha envorcada na praia de Ber. Aseguraban que os tripulantes caeran á auga e que estaban sendo rescatados por outras persoas que se atopaban pola zona.

A partir de aí, dende o 112 Galicia, de inmediato, púxose en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias e ao persoal de Salvamento Marítimo. Do mesmo xeito, informouse á sala de Garda Costas de Galicia, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, así como aos membros de Protección Civil da localidade.

Unha vez rescatados, efectivos de Protección Civil confirmaron ao 112 Galicia que os dous tripulantes estaban a salvo. O seu estado non parecía revestir gravidade, aínda así, unha ambulancia trasladounos ao Centro de Saúde da localidade para a súa revisión.