Dúas persoas resultaron feridas graves cando realizaban diversas actividades no mar en Sanxenxo e Muros

O 112 Galicia rexistrou na tardiña de onte dous accidentes na costa que se saldaron con dúas persoas feridas de gravidade. 
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Sucesos

Dúas persoas resultaron feridas graves cando realizaban diversas actividades no mar en Sanxenxo e Muros

O 112 Galicia rexistrou na tardiña de onte dous accidentes na costa que se saldaron con dúas persoas feridas de gravidade.

En apenas sete minutos, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia atendeu dúas chamadas de emerxencia por mor de dúas persoas que sufriron senllos accidentes cando practicaban diversas actividades no mar. Primeiro, en Muros, un home caeu sobre a rampa de acceso ao porto, detrás da lonxa, cando realizaba un exercicio cun aladelta amarrado a unha embarcación. Como consecuencia do impacto, a persoa sufriu lesións graves, polo que tivo que ser evacuada por unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.

Foi un veciño quen ás 19:45 horas de onte se puxo en contacto co 112 Galicia para dar conta do suceso. A partir de aí, activouse un operativo no que, ademais dos servizos sanitarios de urxencia, participaron os axentes da Policía Local de Muros e o persoal de Salvamento Marítimo, que descartaron enviar medios de rescate tras comprobar que a persoa estaba caera sobre a rampa de acceso.

Pescador con politraumatismo en Sanxenxo
Apenas sete minutos máis tarde, o 112 Galicia recibía a segunda chamada de urxencia por mor dun home que caeu por un cantil cando ía pescar. Sucedeu ás 19:53 horas de onte en Punta Pirámide, en Sanxenxo. Ata alí acudiu o helicóptero Pesca-I para o rescate e traslado do ferido que debido á caída sufriu politraumatismos.

Ao tratarse dunha zona escarpada, a única vía de acceso ao ferido era a aérea, así que desde o 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo e Servizo de Gardacostas co obxectivo de mobilizar os helicópteros de rescate. Deste xeito, o equipo a bordo do Pesca-I recolleu ao ferido e trasladouno ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para ser tratado das súas lesións.

Ademais, neste operativo participaron os membros do GES de Sanxenxo e Bombeiros do Salnés, así como axentes da Policía Local.