Dúas persoas, trasladadas con síntomas de intoxicación por fume en Vilagarcía

Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,Sucesos,Vilagarcia

Dúas persoas, trasladadas con síntomas de intoxicación por fume en Vilagarcía

Un incendio orixinado nunha caldeira saldouse con dúas persoas intoxicadas por inhalación de fume no concello pontevedrés de Vilagarcía. O lume calcinou por completo a instalación e obrigou a trasladar aos afectados en ambulancia ata o Hospital do Salnés.

Todo comezou ás 14:30 horas cando o 112 Galicia recibiu a chamada dun dos moradores do inmoble localizado na Rúa do Fiuncho. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, a intensa fumareda desprendida pola caldeira da vivenda poñía en risco a integridade dos seus habitantes e tamén podía estenderse ás demais estancias da vivenda.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE), púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Salnés e dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil e Xestión de Emerxencias da localidade.

Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de extinción procederon a atallar as lapas, ventilar o domicilio e refrixerar a zona afectada mentres que os profesionais sanitarios encargáronse de atender ás dúas persoas intoxicadas por inhalación de fume e de evacualas ao centro hospitalario.

Finalmente, confirmouse que, a raíz do incendio na caldeira, o garaxe e unha estancia próxima ás instalacións tamén resultaron afectadas polo fume.

Co fin de establecer as condicións de seguridade adecuadas para que os equipos de extinción puidesen intervir, desde o 112 Galicia avisouse tamén aos axentes da Policía Nacional e Local, ademais dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.