Dúas persoas trasladadas, unha en helicóptero, tras un accidente de tráfico no Pereiro de Aguiar

Publicado por o día 30/12/2017 na sección de Sucesos

Dúas persoas trasladadas, unha en helicóptero, tras un accidente de tráfico no Pereiro de Aguiar

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión na que viron implicados outros tantos coches no Pereiro de Aguiar. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as vítimas tiveron que ser excarceradas polos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da localidade e os Bombeiros de Ourense, ao quedar atrapadas no interior do coche no que viaxaban.

Debido á gravidade do sinistro, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar do accidente, no punto quilométrico 560 da N-120. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, unha das vítimas foi evacuada na aeronave ata un centro médico e a outra persoa ferida foi trasladada nunha ambulancia.

O 112 Galicia tivo constancia da colisión ao fío das 12:30 horas a través da alerta dun particular.

A partir de aí, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, ao GES do Pereiro de Aguiar, a Protección Civil de Nogueira de Ramuín e aos Bombeiros de Ourense. Ademais, dende o CIAE informouse do sinistro aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas.

Segundo puido saber o 112 Galicia, debido ao accidente producíronse retencións na estrada.