Dúas semanas de actividades deportivas gratuítas para loitar contra o sedentarismo

Poderase gozar de todos os servizos incluídos no Abono Muver
Publicado por o día 17/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Dúas semanas de actividades deportivas gratuítas para loitar contra o sedentarismo

A entrada a un novo ano é, para moitas persoas, sinónimo de novos propósitos. Entre eles, un dos máis recorrentes  é o de facer deporte, obxectivo moito máis sinxelo de acadar grazas a propostas como a da Área de Benestar, Saúde e Deporte. Este servizo ofrece unha quincena gratuíta do Abono Muver entre os días 20 e 31 de xaneiro a persoas pertencentes á comunidade universitaria e ao persoal das entidades privadas dos campus. Con esta iniciativa, que acadou un grande éxito nos pasados anos, preténdese motivar e animar a persoas que estean pensando en dar o paso a formar parte do mundo do deporte.

O abono pode adquirirse cunha tarifa anual, cuadrimestral ou só en época de verán con diferentes prezos. Para animar a probar estes servizos, a Área de Benestar, Saúde e Deporte permite dúas semanas de balde, neste caso de forma exclusiva para a comunidade universitaria e para o persoal das entidades privadas do campus.

Que ofrece o abono?

Todas aquelas persoas que dispoñan do Abono Muver poden gozar de vantaxes como o acceso ás salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). A maiores, o abono tamén dá acceso a actividades dirixidas como fitness express, cross training, ioga, running, defensa persoal, chan pelviano, escalada etc. xunto coa opción dun seguimento técnico e médico-deportivo dos programas de adestramento, a participación gratuíta nas actividades do equipo de carreiras populares da UVigo e un 20 % de desconto para as persoas da comunidade universitaria nos servizos de saúde, nas Escolas Deportivas, e nas actividades puntuais no medio natural. Estas son as vantaxes das que, durante as dúas semanas de proba gratuíta, poderán gozar as persoas pertencentes á comunidade universitaria e o persoal das entidades privadas do campus.

Que prezo ten?

O abono Muver conta con distintas tarifas que varían segundo a duración e a persoa que o queira solicitar. Pode adquirirse de forma anual, cuadrimestral ou só para época de verán e os prezos varían dependendo de se a persoa que o solicita é membro da comunidade universitaria, persoal das entidades privadas do campus e titulados da UVigo ou persoas non universitarias. Para membros, o prezo anual é de 60€, para entidades privadas e titulados é de 90€ e para persoas externas é de 180€. Así, o abono cuadrimestral custaría 35, 50 e 100€ respectivamente e o de verán 10,15 e 30€.