Dúas semanas para achegarse á oferta deportiva do campus de Pontevedra

Publicado por o día 17/01/2019 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Dúas semanas para achegarse á oferta deportiva do campus de Pontevedra

Ao longo do primeiro cuadrimestre, o abono Muver da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade contou no campus con máis de 400 usuarios e usuarias, que puideron con el facer uso da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario e participar en actividades dirixidas como pilates, ciclo indoor cross training, ademais de gozar de descontos en diferentes actividades da área. Para aqueles e aquelas que optaron pola súa modalidade cuadrimestral e para as e os que teñan porse en forma entre os seus propósitos de aninovo, desde esta semana permanece aberto o prazo de adquisición deste abono para este segundo cuadrimestre. Así mesmo, co propósito de animar á comunidade universitaria a iniciar o 2019 en movemento, a Área de Benestar, Saúde e Deporte programou nos tres campus 15 días de portas abertas, de tal xeito que ata o 30 deste mes o acceso ás instalacións e as actividades que a área desenvolve no campus será gratuíto para as e os integrantes da comunidade universitaria. “O obxectivo é promocionar as actividades que realizamos coincidindo co inicio do cuadrimestre”, sinala desta iniciativa o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro.

Con diferentes prezos, segundo se trate de integrantes da comunidade universitaria, familiares ou titulados e tituladas, o abono Muver, que contou no primeiro cuadrimestre con 437 usuarios e usuarias en Pontevedra, pode adquirirse tanto de xeito anual como por cuadrimestres, tendo validez neste caso entre o 15 de xaneiro e o 31 de maio. Entre as súas vantaxes, suma ao acceso á sala de cardio-fitness e aos descontos que ofrece nas diferentes actividades da área, a participación gratuíta, previa reserva na plataforma Deporxest, nas tres actividades dirixidas que se desenvolven no presente curso no Pavillón Universitario, pilates, cross training e ciclo indoor “e que están a ter moi boa acollida”, como sinala Loureiro, quen incide en que nestas semanas de portas abertas tamén será precisa realizar unha reserva previa para poder garantir unha praza na actividade. Por outra banda, a estas tres propostas sumouse no presente curso a posta en marcha dunha actividade de adestramento personalizado “na que completamos os tres grupos que se ofertaban”.

Nova oportunidade para iniciarse no bádminton

A partires do vindeiro luns 21, retómase tamén no Pavillón Universitario a actividade de iniciación ao bádminton que a Área de Benestar, Saúde e Deporte impulsa nos tres campus a raíz dun convenio asinado coa federación galega deste deporte. Gratuítas para as e os integrantes da comunidade universitaria e para as persoas alleas que conten cun abono Muver, estas clases de iniciación ao bádminton continuarán desenvolvéndose desde a vindeira semana cada luns e mércores de 16.30 a 18.00 horas. Para participar nesta actividade impartida por monitores do Club Bádminton Ravachol, explica Loureiro, non é preciso dispor de material nin de coñecementos previos, só formalizar a inscrición previa na plataforma Deporxest.

Por outra banda, a oferta da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus engloba tamén os servizo de medicina deportiva, co que a comunidade universitaria pode realizar unha consulta informativa gratuíta, unha revisión médico-deportiva, probas de esforzo ou consultas dietéticas, así como o servizo de fisioterapia que se oferta os martes e xoves na EE Forestal.