“É indignante que Feijóo permita a venda de Povisa a unha empresa que adebeda 140 millóns de euros á Comunidade Valenciana”

Luca Chao e Eva Solla analizaron en rolda de prensa o traspaso do hospital vigués
Publicado por o día 08/10/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política,Vigo

“É indignante que Feijóo permita a venda de Povisa a unha empresa que adebeda 140 millóns de euros á Comunidade Valenciana”

Esta mañá a voceira Luca Chao e a deputada Eva Solla ofreceron unha rolda de prensa no Parlamento de Galicia na que analizaron a venda do Hospital de Povisa. “Para o Grupo Común da Esquerda é indignante que Feijóo permita a venda de Povisa a nada máis e nada menos que ao grupo especialista no modelo privatizador da sanidade que se aplicou en Valencia da man de Zaplana e que acabou enredado en numerosos casos de corrupción. Unha empresa que, ademais, adebeda máis de 140 millóns de euros á Comunidade Valenciana, polo que entendemos que é unha pésima decisión permitir que unha empresa destas características faga negocio coa saúde das galegas e galegos”, aseverou Luca Chao.

“O goberno de Feijóo leva pagando durante anos un negocio privado con fondos públicos, que agora vai rematar nun suculento negocio privado a prezo de saldo. 22 millóns de euros por un hospital que recibe uns 84 millóns de euros ao ano polo concerto que ten co Sergas. É o de sempre, socialización das perdas e privatización dos beneficios”, continuou a voceira do Grupo Común da Esquerda. Chao enunciou, así mesmo, que o Grupo comparte as demandas dos traballadores de Povisa para que se garantan os seus postos de traballo e o cumprimento dos seus dereitos laborais, así como a incorporación do hospital á rede pública.

Entre 2009 e 2017 o Goberno Feijóo recortou o gasto non financeiro en 2.553 millóns de euros en termos reais, é dicir, tendo en conta a inflación acumulada.  “Un recorte brutal, dramático, do 22% do gasto realizado en 2009. Feijóo foi o presidente que reduciu o gasto sanitario en nada máis e nada menos que 380 millóns de euros”, denunciou Luca Chao. “Por iso as enfermeiras están en loita, por iso renunciaron no seu momento aos seus postos numerosos xefes de servizo e por iso van á folga os médicos e médicas de atención primaria, como farán en Vigo os vindeiros 7 e 8 de novembro e nunha manifestación en Santiago o vindeiro 26 de outubro”, engadiu. O Grupo Común da Esquerda seguirá apoiando todas estas reivindicacións, defendendo o dereito fundamental á saúde e a necesidade de reverter toda unha década de recortes continuados.

Eva Solla, a responsable de Sanidade do Grupo Común da Esquerda, lembrou que o Grupo xa solicitara os termos do último concerto sanitario e mais as contas do ano 2018, pero que a Xunta nunca chegou a entregalos. O Grupo vén de solicitar tamén o informe da Comisión Nacional do Mercado de Valores sobre a propia venda, preceptivo para que se poida finalizar, e en colaboración coa Marea de Vigo, a auditoría de contas. Ademais, o mércores no Pleno Solla fará unha pregunta ao conselleiro de Sanidade para reclamar á Xunta responsabilidades por esta venda.

“Dado o valor patrimonial da empresa, consideramos que a Xunta pode facerse cargo dela e dos seus traballadores. Defendemos que a Xunta efectúe ou ben a compra, ou ben a expropiación do Hospital, o que resulte menos gravoso para as arcas públicas”, manifestou Eva Solla. “Desde o noso Grupo xa denunciamos no seu día que o recorte de superficie e número de camas no Cunqueiro ía supoñer manter e engordar o negocio en Povisa. A Xunta actuou como unha mafia, e foi en contra do dereito de toda a cidadanía a ter a atención no marco da sanidade pública”, sentenciou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.