É potable a auga das zonas queimadas?

Publicado por o día 05/12/2017 na sección de Medio Ambiente,Sociedade Galega de Historia Natural

É potable a auga das zonas queimadas?

Os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) son un grupo de máis de 100 sustancias orgánicas químicas diferentes que se forman durante a combustión incompleta do carbón, petróleo, lixo e outros produtos orgánicos; tamén poden ser produtos industriais empregados na construcción, tinturas e pesticidas. Moitos HAPs son contaminantes orgánicos tóxicos, persistentes e bioacumulables, que en maior ou menor medida teñen (ou se sospeita que teñen) efectos carcinoxénicos ou mutaxénicos. Os HAPs tamen se orixinan en grandes cantidades durante os incendios forestales e logo son arrastrados polas choivas cara aos cursos e masas de auga, ata o punto de que unha recente publicación científica empregou as súas concentracións en sedimentos dun lago para elaborar un rexistro histórico de incendios na súa bacía (Denis et al., 2012).

A presenza en praias e sedimentos de encoros galegos de HAPs orixinados con toda proabibilidade por incendios forestais xa está comprobada alomenos por dous estudos:

  • No Estudo de Impacto Ambiental da “Central reversible Salas-Conchas” detectáronse niveis moi elevados de HAPs nos sedimentos recollidos preto do muro de presa do encoro das Conchas (río Limia).
  • Nunha investigación sobre os niveis de HAPs nos ovos das píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus) que crían nas praias do noroeste ibérico (Vidal et al., 2011) detectouse un incremento de 5 veces na concentración de HAPs despois da vaga de lumes de 2006, que tivo uns efectos maiores nos niveis de HAPs que a marea negra do Prestige.

Por outra banda, nos sedimentos erosionados de zonas queimadas en Galicia (Gómez-Rey et al., 2013) téñense detectado niveis moi elevados de algúns elementos traza (nomeadamente zinc e manganeso) que poderían comprometer a potabilidade das augas.

A Sociedade Galega de Historia Natural xa solicitara á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Augas de Galicia que na revisión dos Plans Hidrolóxicos dos ríos galegos, se incluira expresamente a análise sistemática das concentracións de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) nos sedimentos de todas as masas de auga naturais ou artificiais para avaliar se existe ou non contaminación e, xa que logo, factores de risco para a calidade das augas, os organismos acuáticos e a saúde humana.

A recente vaga de lumes que asolou boa parte de Galicia, incluindo zonas densamente habitadas, calcinou extensas superficies nas cabeceiras ou na contorna de mananciais, captacións de auga, ríos e encoros tanto hidroeléctricos como de abastecemento de auga ás poboacións, polo que existe o risco de que as cinzas, carbóns e sedimentos arrastrados polas choivas ocasionen a contaminación dos cursos e masas de auga, incluidas as empregadas para abastecemento humano e animal.

Por estes motivos, e en aplicación do principio de precaución, SGHN ven de solicitar á Consellería de Sanidade que, coordinadamente cos organismos de bacía (Augas de Galicia e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil) e os servizos municipais de augas, proceda urxentemente a analizar os niveis de hidrocarburos aromáticos policíclicos e elementos traza nas augas e nos sedimentos dos encoros nas zonas afectadas pola recente vaga de lumes forestais.