Ecoloxistas en Acción parabenizan ao Concello de Redondela porque as algas non son lixo

Ana Prado, bióloga de Ecoloxistas en Acción, acompañou ao concelleiro de medioambiente de Redondela quen lle amosou in situ a nova xestión do areal de Cesantes.

Retirar as algas das praias supón eliminar un piar básico para o mantemento do ecosistema litoral. As algas non son lixo. Unha vez chegan á costa, a propia “maquinaria” biolóxica encárgase de procesalas, de maneira que se van degradando, liberando os seus nutrintes á vez  que son consumidas por invertebrados, como a pulga de mar (Talitrus saltator), quen, á súa vez, forman parte da dieta de aves limícolas como virapedras (Arenaria interpres), píllaras (Charadrius sp.), pilros (Calidris sp.) ou biluricos (Actitis hypoleucos). Este proceso de “autolimpeza” periódico é fundamental para o mantemento da biodiversidade, pois unha praia sen algas é unha praia morta.

A achega de nutrintes, proveniente deste proceso natural, non só é devolto ao mar, ademais, coas mareas vivas, moitas algas acumúlanse nos límites dunares ou ben son transportadas polo vento, unha vez secas, cara ao seu interior, achegando os elementos esenciais para a  supervivencia da vexetación das dunas, ecosistemas moi fráxiles, en preocupante perigo de desaparición, e que precisan ser conservados e restaurados.

Os métodos de limpeza con maquinaria pesada retirando todo o material acumulado na beiramar, son agresivos tamén co medio físico, pois non só supoñen unha merma directa de area, senón que ademais inciden na perda desta por erosión. O cambio de sistema de limpeza, pasando dos métodos mecánicos aos manuais (orientados a recoller residuos tales como os plásticos ou latas, respectando as algas) é o aconsellable para o mantemento da biodiversidade e a conservación da propia praia.

Por último, agradecemos o traballo de sensibilización cara ao medio ambiente que se está a realizar nas praias de Redondela e felicitamos a implicación da cidadanía en preservar o  patrimonio natural do seu municipio permitindo que a súa natureza se recupere.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario