“A economía rural do interior de Galicia estase a ver afectada polo mal ano da castaña”

O consello regulador da IXP Castaña de Galicia acorda solicitar unha entrevista coa conselleira para trasladarlle a necesidade de apoios ó sector. Perdeuse máis da metade da produción pola meteoroloxía
Por o 28/12/2017 | Sección: Alimentación
“A economía rural do interior de Galicia estase a ver afectada polo mal ano da castaña”

Cada outono viñan comercializándose en Galicia arredor de 15.000 toneladas de castaña, pero este ano a cifra non pasará das 7.000 – 8.000 toneladas, segundo os cálculos de Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia e empresario de sector. As xeadas tardías da primavera, a seca e as altas temperaturas de outubro levaron a que se perdese alomenos a metade da produción.

O impacto da meteoroloxía tradúcese en millóns de euros que se deixan de ingresar nas zonas produtoras, sobre todo no oriente de Ourense, onde a castaña representa un complemento da renda para milleiros de familias. “A economía rural do interior galego estase a ver afectada e xa hai a percepción de que non hai o mesmo volume de gasto”, recoñece Jesús Quintá.

O consello regulador da IXP Castaña de Galicia, que mantivo esta semana o último pleno do ano, acordou solicitar unha entrevista coa conselleira do Medio Rural para trasladarlle a necesidade de apoios ó sector. A proposta, aprobada a raíz dunha iniciativa da vogal de Unións Agrarias, María Páez, súmase á petición de medidas que se están reiterando estes días desde o oriente de Ourense, unha das zonas máis castigada pola seca e as xeadas.

Esta mesma semana houbo unha reunión de alcaldes da comarca, gandeiros, apicultores e representantes de Unións Agrarias para cursar ante a Xunta outra petición de entrevista, a fin de abordar coa Consellería a situación de perdas dos diversos sectores agrarios.

As peticións de axudas directas á Administración autonómica non lograron por agora efecto. Si hai medidas simbólicas por parte dalgunhas Administracións locais, coma o Concello de Vilariño de Conso, que habilitou unha partida de 10.000 euros para sufragar parte dos gastos de Seguridade Social dos produtores, cun máximo de 200 euros por beneficiario.

A situación é complicada para o sector agrario, que reclama desde hai meses unha visita da conselleira para que vexa ‘in situ’ os problemas.

Avespiña do castiñeiro
Outra das cuestións que lle preocupa ós produtores de castaña é a expansión da avespiña do castiñeiro en Galicia. A avespiña xa entrou nas grandes áreas produtoras e no sector danse por seguras as perdas a partir da próxima campaña. “É un problema moi grave que xa viviron outras grandes zonas produtoras, como Italia ou Francia. Se queremos limitar os danos, hai que aplicar unha loita biolóxica suficiente”, advirte o presidente da IXP Castaña de Galicia.

Quintá considera axeitada a previsión que manexa Medio Rural para soltar no 2018 un total de 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’, o insecto parásito da avespiña, pero advirte da necesidade de non atrasar máis ese esforzo. “Outras zonas produtoras reaccionaron tarde e tiveron danos moi serios”, valora. Durante as últimas dúas campañas, só se soltaron en Galicia un total de 200.000 ‘Torymus sinensis’.

Lumes
Preguntado o presidente da IXP sobre a necesidade de medidas para a restauración dos soutos afectados polo lume nos Ancares, Quintá sinala que se lle trasladou á Xunta esa petición, pero que as posibles medidas dependerán dos criterios da Administración, “que non sempre son os criterios do sector”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.