ECONOMÍA, SANIDADE e MAR, temas centrais do encontro de En Marea coa cidadanía de Moaña

Publicado por o día 11/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Vigo

ECONOMÍA, SANIDADE e MAR, temas centrais do encontro de En Marea coa cidadanía de Moaña

As candidatas de En Marea pola provincia de Pontevedra participaron esta tarde nun mitin en Moaña no que a economía, a sanidade e a situación dos sectores primarios, especialmente o mar, foron os focos principais de atención. O encontro celebrouse no colexio público Reibón e contou coa participación dos candidatos Mariano Abalo, a número tres, Eva Solla, Marcos Cal, segundo na lista provincial e a cabeza de lista na provincia, Carmen Santos, así como a deputada no Congreso por En Marea, Alexandra Fernández.

Tras unha breve introdución a cargo do coordinador local de ANOVA, Chema García, tomou a palabra Eva Solla, que se mostrou moi satisfeita porque o acto tivese lugar nun colexio público, reivindicando a continuación a necesidade de recuperar os recursos perdidos neste eido. Solla referiuse aos máis de 1300 profesores perdidos na educación pública dende que goberna en Galicia Núñez Feijóo, así como aos continuos recortes nos orzamentos dedicados á atención dos alumnos con necesidades especiais, presentando tamén o compromiso de En Marea de poñer en práctica un plan integral de atención a este sector do alumnado. A parlamentaria galega tamén fixo alusión á situación da sanidade, incidindo en que “En Marea cree que é preciso facer unha reordenación da área sanitaria de Vigo”. “No Morrazo non tedes sorte cos servizos públicos”, engadiu en referencia a esta materia.

Rematada a intervención da número tres foi a quenda de Marcos Cal, número dous da candidatura pola provincia, que centrou a súa intervención na rexeneración democrática e na necesidade de rematar coa corrupción. Cal definiu a candidatura de En Marea como “a candidatura da xente que dixo basta”, engadindo que “se queren gobernar os directivos de PEMEX ou ENCE que se presenten ás eleccións e defendan o seu programa fronte á cidadanía”. “Nós estamos aquí para defender á xente decente”, concluíu.

Mariano Abalo, pola súa banda puxo o foco sobre o eslogan de campaña, “Un país xusto”, que lle serviu para salientar a diferencia que existe entre a xente do común, que “se rompe a lei ou incumpre as súas obrigas con Facenda sufre todo o peso da lei, mentres os Bárcenas, Ratos e demais campan ás súas anchas”.

Alexandra Fernández destacou na súa intervención que “é urxente empezar a tomar as rendas das nosas vidas” e acusou a Feijóo de ser “a dereita rupturista, porque todo o que toca o rompe”. Por último, engadiu que “os galegos e galegas temos memoria e sabemos o que foron estes oito anos de goberno do Partido Popular”.

Pechou o acto a secretaria xeral de Podemos Galicia e número un pola provincia, Carmen Santos, que centrou a súa intervención na importancia da economía e, concretamente, na situación das persoas que viven do mar, como metáfora do tecido produtivo e dos sectores primarios. Santos cualificou a política do PP en materia de pesca como “ataque ao sector do mar”, engadindo que “na miña vila había hai trinta anos cinco veces máis barcos que hoxe”. “A consecuencia disto –seguiu- foi que a xente nova tivo que marchar porque non tiñan traballo, e detrás deles foi o comercio, e detrás os bares, os servizos, e así ata que non quedou case nada”.

A cabeza de lista pola provincia rematou facendo un chamamento a “impulsar tódolos sectores que foron abandonados polos gobernos do PP”, porque “investir ben os cartos públicos ten importantes efectos de mellora sobre a vida da xente común”.

Rematadas as intervencións das candidatas abriuse unha quenda de preguntas, na que os asistentes se interesaron por aspectos concretos das intervencións previas, especialmente sobre cuestións de índole económica.