Educación anuncia un investimento de 50.000 euros para completar a ampliación do CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos

A obra consistirá na urbanización exterior do centro e comezará de xeito inmediato
Por o 01/09/2017 | Sección: Educación,Galicia,Mos
Educación anuncia un investimento de 50.000 euros para completar a ampliación do CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos, onde comprobou os resultados da ampliación realizada no dito centro, que vén de rematar, e anunciou a posta en marcha doutra actuación orientada a urbanizar o exterior do recinto, coa que se complementará así a obra inicial.

En concreto, os traballos de urbanización ascenden a preto de 50.000 euros e darán comezo de inmediato, posto que acaban de ser adxudicados. Este investimento súmase ao mobilizado para a ampliación, que ascendeu finalmente a 345.992,33 euros.

A obra que acaba de finalizar consistiu na construción dun novo volume de aproximadamente 240 metros cadrados, que albergará un comedor e sala de usos múltiples, unha aula e dúas máis pequenas orientadas a desdobres. A actuación, por tanto, atende as necesidades de escolarización da zona e as demandas do servizo de comedor escolar.

Outras actuacións no Concello

Ademais destas actuacións, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tamén mencionou as obras que se realizaron, entre 2016 e o ano actual, noutros centros educativos do Concello. En concreto, no CEIP Pena de Francia actuouse na iluminación e nos falsos teitos, mentres que no IES de Mos acometeuse o peche perimetral e a reparación da cuberta e dos aleiros do centro.

En total, nos dous últimos anos investíronse un total de 514.107,12 euros tanto en colexios como institutos do municipio, o que demostra, en palabras de Román Rodríguez, o compromiso da Consellería de Educación coa mellora educativa de Mos.

Así mesmo, o conselleiro tamén quixo lembrar a súa visita de hai un ano ao concello, cando comprometeu actuacións tanto no CEIP Mestre Valverde Mayo como no IES de Mos, traballos que hoxe xa son unha realidade e demostran “que a Xunta cumpre e actúa alí onde hai necesidades”, resaltou.

Durante a súa visita ao centro, Román Rodríguez estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e polo xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.