Educación envía diversas publicacións aos centros de ensino para incorporar as bibliotecas escolares

A concelleira Carmen Fouces pretende que contribúan a construír una educación de calidade, xusta e equitativa.
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Cultura,Galicia,Pontevedra

Educación envía diversas publicacións aos centros de ensino para incorporar as bibliotecas escolares

A Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra vén de entregar ás bibliotecas dos centros de ensino da cidade un lote de libros para fomento e divulgación da cultura. Os títulos escollidos, tanto para Primaria como para Secundaria, pretenden abrir debate que contribúan a construír unha educación de calidade, xusta e equitativa, tal e como recolle a carta da concelleira Carmen Fouces que acompañaba o lote de publicacións.

A Secundaria enviáronselle os seguintes títulos:

• Invisibles. Relatos do maltrato. Montse Fajardo. Edicións Matriarcas, Vilagarcía de Arousa, 228 páxinas, 2017.
“Invisibles é o material editado para a campaña do 25 de novembro de 2017 do Concello de Pontevedra e recolle sete casos reais de maltrato cos que se pretende, non só pór o foco na invisibilidade das mulleres que son vítimas, senón tamén na onda expansiva que o maltrato provoca, afectando, principalmente, á descendencia da parella. Pero sobre todo, cos relatos de mulleres pretendemos
acabar coa invisibilidade dos seus maltratadores, como espello de moitos outros que fican agochados entre nós”.

• Sapos e sereas. Ana Cabaleiro. Editorial Galaxia, Vigo, 89 páxinas, 2017.
“Unha voz especialmente singular dentro da nosa literatura e que nos vai agasallar, no futuro, páxinas coa mesma potencia literaria coma as que temos neste mollo de relatos. Neste volume nada é o que parece. A autora disponse a darlle a volta a moitas historias que pensabamos que só se podían contar dunha maneira. E, grazas á súa ollada nova, descubrimos que hai moitos sapos que non merecen saír da fochanca, que hai Sereas atrapadas en destinos tráxicos e que a realidade é, cando menos, cuestionable. Mellor dito, que hai que a cuestionar”

• 22 segundos. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 131 páxinas, 2017.
“22 segundos relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe -sen poñerlle etiquetas – que a súa identidade de xénero non coincide co sexa que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis – e a sociedade – deixen de consideralas enfermas”.

• Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo.
Enrique Mauricio e Carlos Taboada. Colección Mulleres galegas. Lela Edicións, Pontevedra, 31 páxinas, 2017. “Maruja Mallo foi unha pintora galega de recoñecemento internacional. Participou
coas súas ilustracións en numerosas revistas, realizou cadros innovadores, escenografías teatrais, cerámicas, pinturas murais, conferencias, accións poéticas, fotografías artísitcas. E sempre dende unha óptica rebelde, comprometida e moi divertida”.

• Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno. Joanna
Lorenzo Montero e Tania Solla. Colección Mulleres galegas. Lela Edicións, Pontevedra, 31 páxinas, 2017. “María Victoria Moreno foi profesora e escritora en lingua galega. Empregando as
súas palabras, a súa opción polo galego foi “unha historia de amor”. Deste xeito, ensinou a toda unha xeración de mozas e mozos a amar a vida, a literatura, e a levar adiante os proxectos máis fermosos”

• Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de Ernestina
Otero. Enrique Mauricio e Carlos Taboada. Colección Mulleres galegas. Lela Edicións, Pontevedra, 31 páxinas, 2017. “Ernestina Otero foi unha mestra e pedagoga galega. As súas prácticas
innovadoras e a súa afouteza convértena nun exemplo a seguir no eido da educación. Impulsou a asistencia á escola, os dereitos das mulleres, a renovación do profesorado e conseguiu sementar unha xeración preparada para vivir en liberdade”.

En Primaria os libros enviados foron tamén Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno e Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de Ernestina Otero. E ademais.

• Máis aló do azul e do rosa. Ana Torres Jack. Colección Biblioteca de Intervención Social. Galaxia.
“Como prevenir a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia. Malia todo o que se avanzou nos últimos anos en cuestión de igualdade entre homes e mulleres, queda aínda moito camiño por andar. E boa parte desa andaina ten que facerse dende o ámbito doméstico, dende as casas, dende a acción educativa das nais e dos pais. Non é un labor doado, porque os medios de
comunicación, e tamén os de ocio (cine, videoxogos…) insisten en perpetuar unha imaxe estereotipada da muller, idealizando a súa beleza e cousificando a súa sexualidade. Mais dende o fogar podemos facer moito. A autora ofrécenos dunha maneira sinxela e moi clara estratexias concretas para previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a familia”

• De paseo con Helena, Cristina Corral Soilán. Colección De paseo con… Edicións Embora.
Pasear polas cidades galegas da man das avoas e dos avós é un exercicio estupendo para coñecer de primeira man os recunchos dos lugares que visitamos. Neste libro Helena irá de paseo co seu avó Luís, quen lle ensinará lugares como a Ponte dos Tirantes, a praza do Teucro, a Casa das Campás ou a praza da Ferraría.

• Marisé e o loro Ravachol. María Fanjul González. Edicións Fervenza.
Esta historia, a modo de conto, pretende que os pequenos lectores viaxen no tempo coa protagonista, Marisé, e coñezan a figura do Loro Ravachol e o seu dono, Perfecto Feijoo. Descubrirán a un loro que vivía nunha botica e que chegou a converterse no centro da vida social da cidade de Pontevedra