Educación esixe ao Concello de Ponteareas que realice o mantemento da caldeira do CEIP Bouza Brey

O informe realizado pola Unidade Técnica e a Inspección detectou que o colexio carece de contrato de mantemento
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

Educación esixe ao Concello de Ponteareas que realice o mantemento da caldeira do CEIP Bouza Brey

A Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra esixiu esta mañá ao concello de Ponteareas que realice as labores de mantemento da caldeira do CEIP Bouza Brey, tras detectar, na inspección realizada no centro onte mesmo, que o colexio carece do contrato deste servizo, dependente da administración municipal.

Nesta visita ao centro, na que estiveron presentes tanto a Unidade Técnica de Educación como a Inspección, comprobouse que mentres no exterior do colexio a temperatura era de 8 grados centígrados ás 9 da mañá, no interior, na aula de Infantil, roldábanse os 21,4, mentres nas aulas de Primaria marcábase 17 grados.

O xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, engadiu que a Xunta de Galicia levou a cabo nos últimos anos os traballos necesarios para que a eficiencia enerxética sexa unha realidade neste centro, coa instalación de dobre ventás en tódolos espazos así como dunha manta térmica baixo a cuberta.

Por outra banda, “no informe realizado polos técnicos inclúese o feito de que a temperatura da auga no sistema de calefacción está por debaixo da potencia térmica axeitada, é dicir, que a instalación da calefacción está a traballar por debaixo do seu rendemento óptimo”.

“Non consta, nin existe rexistro das operacións de mantemento realizado na sala de caldeiras do mantemento obrigatorio que ten asociado as instalacións térmicas nos edificios segundo se establece por Lei, labor que corresponde ao concello”, explicou o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, quen engadiu que se detectou, por parte da Unidade Técnica diversas deficiencias nesta instalación que deben ser atalladas como a caixa de fumes.