Educación obriga os centros a comprar gasóleo a determinadas empresas aínda que saia máis caro

CIG-Ensino denuncia o “malgasto de cartos públicos” e o incremento de burocracia que supón
Por o 11/11/2016 | Sección: CIG,Galicia,Sindicatos,Vigo
Educación obriga os centros a comprar gasóleo a determinadas empresas aínda que saia máis caro

A Consellaría de Educación envioulles aos centros educativos unhas instrucións na que se lles informa de que a partir deste curso a compra de combustible para as calefaccións debe facerse a través dunha serie de empresas concertadas coa Xunta. O novo sistema está a provocar que moitos centros teñan que pagar máis caro o gasóleo que cando o propio centro contrataba directamente este servizo coa empresa, por outra parte, do seu contorno.

Até o de agora, moitas das empresas servidoras do combustíbel responsabilizábanse da limpeza dos recipientes do gasóleo, evitando así ter que enfrontar o gasto de limpeza e conseguindo un servizo máis eficiente.

Porén agora Consellaría centraliza a subministración de gasóleo no que ten a ver coa empresa concesionaria, mais non así todo o que comporta de incremento de burocracia, xa que os centros teñen que responsabilizarse de solicitar orzamentos e cubrir toda a documentación.

Instrucións da consellaría

Segundo as instrucións da Consellaría, os centros teñen que pedir orzamento a todas as empresas adxudicatarias da súa zona e coller a máis barata, mais na práctica, nalgúns casos, estas empresas redúcense a unha soa, co que teñen que aterse ao prezo que lles dan, en moitos casos máis caro que o que compraban antes.

Este procedemento que segundo a Consellería ten como obxectivo abaratar custos e, por tanto, mellorar a economía dos propios centros provoca todo o contrario, malgasto dos cartos públicos, incremento dos prezos e aumento do traballo burocrático nos centros, baixo a advertencia de que se non o fan así estarían incorrendo nunha irresponsabilidade disciplinaria.

Diante disto, a CIG-Ensino denuncia que “estamos ante unha nova mostra da total ineptitude dunha Consellaría que continúa cun descontrol absoluto nas súas actuacións. É incomprensíbel que se opte por centralizar un servizo e que este vaia ser máis custoso, a non ser que sexa por intereses espurios ou por unha total inutilidade da Consellaría”.

Por iso exixe á Consellaría de Educación que revise de xeito inmediato este sistema, pois nin repercute na redución do prezo, nin na mellora do servizo, nin do traballo burocrático para os centros, senón todo o contrario.