Educación presenta a proposta de zonificación escolar de Vigo a directores e Foanpas para que realicen as súas achegas

Establécense catro grandes áreas educativas, o que garante un equilibro entre o centro e a periferia, polo que se evita a perda de unidades nas zonas de menor demografía e se baixa a ratio de alumnos/aula nas zonas de maior concentración poboacional
Publicado por o día 14/12/2017 na sección de Educación,Galicia,Vigo

Educación presenta a proposta de zonificación escolar de Vigo a directores e Foanpas para que realicen as súas achegas

O grupo de traballo técnico da Xefatura Territorial de Educación da provincia de Pontevedra, mantivo hoxe xuntanzas de traballo con representantes dos directores dos centros públicos e concertados de Infantil, Primaria e ESO de Vigo; así como de Foanpas (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de alumnos de Vigo) respectivamente, para explicarlles de primeira man a proposta de zonificación escolar da cidade e entregarlles o documento para a súa posterior análise e aporte das achegas que consideren oportunas.

Este documento -froito dun traballo de carácter técnico no que tamén participaron representantes dos centros escolares- fixa unha redistribución escolar na que se establecen catro grandes áreas educativas (fronte ás 13 de Infantil e Primaria e 8 de ESO que existen actualmente), co fin de garantir un equilibrio entre o centro e a periferia a raíz da evolución demográfica e da distribución poboacional rexistrada nos últimos anos.


Clara defensa da igualdade e a inclusión

A nova zonificación busca, por tanto, evitar a perda de unidades -e mesmo que se incremente alumnado- naquelas zonas da periferia onde se rexistran importantes caídas demográficas; e por outra parte se establezan ratios alumnos/profesor por aula máis equitativos naquelas zonas do centro onde se concentra maior poboación. Deste xeito, a nova zonificación é unha clara defensa do ensino público, da igualdade de oportunidades para todos os alumnos e alumnas do concello de Vigo e da escolarización en centros próximos aos seus fogares. Outro dos puntos que aborda o documento, e que foi moi ben acollido por parte dos centros escolares- é o reforzo da inclusión e a atención á diversidade.

Así mesmo, mantéñense todos os servizos educativos (os centros e alumnos con dereito a comedor, van seguir téndoo) e, a maiores, increméntase o servizo de transporte escolar naquelas zonas que por especial dificultade lle corresponda.

Proposta para debater e aportar

A Consellería de Educación leva meses traballando nun documento base para a zonificación escolar da cidade de Vigo, co obxectivo de adecuala á situación actual da cidade e coa distribución poboacional actual.

Para tal fin o pasado mes de novembro creouse unha comisión técnica de traballo na que estaban representados os colexios públicos e concertados de Infantil, Primara e ESO. Logo de dous meses de traballo, chegouse a unha proposta de mapa escolar que agora se somete a debate por parte das distintas entidades implicadas como son os directores de todos os centros educativos, as asociacións de pais e nais e as organizacións sindicais, que poderán facer propostas respecto ao dito documento.

A Consellería de Educación -a través da Xefatura Territorial – traballa co obxectivo de lograr o máximo consenso de todos os sectores implicados en torno ao documento antes de que sexa trasladado ao Consello Escolar Municipal e á Xunta Provincial de Directores.