Máis de 2.500 asistentes participaron no ciclo de conferencias “Educación século XXI” organizado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, o que supón un incremento de máis do 30% con respecto ao ano anterior. Trátase dunha proposta aberta a todas as partes integrantes da comunidade educativa e unha firme aposta da entidade pola difusión de modelos formativos diversos en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais.
Durante este ano, reputados profesionais interviñeron neste ciclo, tratando temáticas de moi diversa índole, como a heteroxeneidade biolóxica humana da man do xenetista Ángel Carracedo; os trastornos da aprendizaxe como a dislexia ou a discalculia a cargo da doutora Anna Sans; a utilización de técnicas como o mindfulness na educación coa psicóloga Belén Colomina ou a maneira na que «aprende» o cerebro co doutor en Bioloxía David Bo. Tamén os novos formatos de comunicación estiveron presentes neste ciclo, coa conferencia sobre seguridade en redes sociais da man do experto en seguridade e privacidade José Torres, ou a charla sobre como utilizar Youtube para ensinar ciencia a cargo do profesor e youtuber Sergio Castro. Finalmente, o profesor e meigo Xuxo Ruíz, finalista nos Global Teacher Prize 2018, explicou a súa innovadora metodoloxía didáctica na que a maxia e o ilusionismo son os protagonistas.
Un total de 13 encontros centrados nas novas metodoloxías e ferramentas ao servizo da educación e da pedagoxía que se celebraron nos espazos de Afundación das sete cidades galegas.
Noticias de última hora en Vigo