Egerique critica que “Vigo segue podre e oxidado por debaixo” e pide ao Concello que mellore a rede de abastecemento de auga

Destacou que a Xunta leva investidos case 150 millóns de euros desde 2009 en obras de abastecemento e saneamento na área metropolitana viguesa.
Publicado por o día 01/02/2018 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Egerique critica que “Vigo segue podre e oxidado por debaixo” e pide ao Concello que mellore a rede de abastecemento de auga

A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique criticou hoxe que “Vigo segue podre e oxidado por debaixo”, polo que defendeu no Parlamento que o Concello acometa, no marco das súas competencias, as obras de mellora na rede de abastecemento de auga, así como as de ampliación e mellora da estación depuradora do Casal.

Teresa Egerique manifestou que, “a día de hoxe, o problema da cantidade de auga xa está arranxado, e agora estamos a falar dun problema de calidade”. Neste sentido, demandou aos deputados socialistas que “sexan sensatos e consecuentes para recoñecer que a competencia no subministro e calidade da auga é do Concello de Vigo”.

A CALIDADE DA AUGA QUE VIGO SE MERECE

“Desde o PPdeG recoñecemos a necesidade e poñemos todo o noso empezo para que Vigo teña a calidade de auga que se merece”, sinalou a deputada popular. Neste sentido, lembrou que “a Xunta está a actuar conforme ás súas competencias” e destacou o investimento de case 150 millóns de euros feito desde 2009 en obras de abastecemento e saneamento dos concellos da área metropolitana viguesa, executando obras como a nova EDAR de Vigo ou a ampliación do abastecemento a Morrazo.

Deste xeito, Egerique incidiu que “o principal responsable da xestión e mantemento das infraestruturas do seu sistema de abastecemento de auga é o Concello de Vigo, que ten a obriga de levar a cabo unha xestión eficaz deste servizo público que está a prestar aos cidadáns”.