Eixos centrais da proposta de Comunistas da Galiza-PCPE

Publicado por o día 21/05/2015 na sección de Comunistas da Galiza PCPE

Eixos centrais da proposta de Comunistas da Galiza-PCPE

Este programa é unha plataforma de loita que queremos serva de base para a mobilización sostida que a clase obreira e o pobo traballador de Vigo necesitarán  levar a cabo para acadar os seus dereitos no nivel municipal, no camiño do Poder Obreiro e Popular.

Eixos estratéxicos do programa:

1.- Contra o paro, por unha economía pública que serva ás necesidades do pobo e non ao lucro dos oligarcas:

a) Reverter todas as concesións municipais: como Vitrasa, Aqualia, Cespa, FCC, instalacións deportivas, etc. a un Ente Público de Servizos Municipais que as administre directamente, garantindo o mantemento e creacion de novos empregos.

b) Non máis subvencións nin exencións fiscais ao capital monopolista.

Non a novos centros comerciais (Fóra Porto-Cabral!!).

Defensa do pequeno comercio de proximidade, das prazas e mercados e do cooperativismo de consumo.

c) Empresa Pública Municipal de Obras, baixo control obreiro e veciñal, non máis corrupción.

d) Recuperación e restauración de vivendas e patrimonio urbano descoidado para uso público e social.

e) Atención pública e gratuíta en cada barrio a:

e1: Maiores (Centros de día, Centros de ocio, cultura e deportes).

e2: Nenos, (Garderías públicas, Centros para actividades extraescolares, Parques infantís seguros e ben equipados).

e3: Mulleres maltratadas ou en risco de maltrato (Sistema de casas comunais a cargo de persoal sanitario e psicoterapeutico).

e4: Dependentes:(Centros de día. Coidados 24 h de persoas con dependencias graves).

e5: Persoas sen vivenda e/ou ingresos permanentes; (Albergues públicos, Comedores populares).

e7: Mocidade: Centros de ocio, cultura e deportes.

f) Tolerancia cero contra os desafiuzamentos, cortes de luz, auga, gas por parte de bancos e compañías monopolistas que lucran coas necesidades do pobo.

g) Programa municipal de vivenda social de aluguer: fiscalización e taxación dos milleiros de vivendas baleiras da cidade.

IBI gratuíto para a primeira vivenda.

h) Promoción dun uso produtivo, sustentábel e ecolóxico do monte vigués, en parceiría coas Comunidades de Montes, con exixencia de democracia e transparencia na xestión dos montes.

i) Apoio á recuperación da actividade agro-gandeira nas parroquias de Vigo.

Programa municipal de apoio á agricultura ecolóxica urbana e periurbana.

Por unha cidade libre de transxénicos.

Por un uso social e produtivo do solo urbano non utilizado: hortas urbanas nos solares en abandono.

j) Por unha racionalización da xestión dos Residuos Sólidos Urbanos (RSU), en oposición ao modelo SOGAMA.

Por un programa integral de redución, recuperación e reciclaxe do noso lixo.

k) Re-verdización e re-arborado da cidade en todos os barrios, parques e xardíns para uso social e comunitario.

Areas de exercicio saudable baixo cuberto.

l) Carril bici nos grandes eixos de locomoción da cidade.

m) Prohibición dos “quita-medos” e a súa eliminación en todo o termo municipal.

n) Sistema de transporte público municipal barato, ecolóxico, con mellora do servizo e frecuencias para as parroquias do rural vigués e atención aos polígonos industriais da comarca e ao campus universitario

Accesibilidade 100% para [email protected]

Gratuidade de servizo para desempregados, xubilados e estudantes con baixos recursos.

o) Sistema municipal da protección da saúde pública: control real da contaminación e castigo exemplar ás empresas contaminantes; defensa activa da saúde laboral; educación e prevención sanitaria; programa de combate ás drogodependencias, protección e atención dos doentes e persecución do tráfico.

p) Servizos socializados para posibilitar o descanso e favorecer a igualdade de xénero:

en cada barrio:

Lavandeirias.

Planchadorías.

Comida para levar.

Comedores públicos.

Servizo de limpeza dos fogares.

2.- Cultura e lingua.

a) Promoción da cultura como xeito de realización colectiva e individual do pobo traballador, contraposto ao consumo pasivo.

b) Reivindicación da cultura como dereito e necesidade de todos e todas, e non como privilexio.

Acceso ilimitado e gratuíto a espazos e medios de creación e desfruto do ben cultural.

c) Universidade Popular Gratuíta de Vigo que empregue aos e ás paradas da docencia e dea acceso aos e ás fillas de todo o pobo traballador de Vigo.

Casas do Pobo, en barrios e parroquias, como centros culturais dotados, gratuítos e con participación veciñal na súa xestión e programación: con bibliotecas e actividades de apoio ao estudo da mocidade e das persoas adultas.

d) Galego como lingua oficial do Concello de Vigo, a todos os efectos, e en todos os ámbitos públicos municipais.

e) Rede municipal de Casas da Lingua: para conservar as falas e os vocabularios dos barrios, escoitar persoas maiores galegofalantes e aprender con elas; para capacitación gratuíta de inmigrantes, castelanfalantes habituais e galegofalantes habituais no uso fluído, cómodo, da lingua galega no marco de actividades culturais e lúdicas.

f) Actividades de achegamento cultural con outros pobos e culturas.

g) Rede municipal de medios de comunicación comunitaria: TV, radio, prensa e internet.

Pública, gratuíta e participativa na súa xestión, que dea voz activa aos barrios da cidade e ao pobo traballador.

COMUNISTAS DA GALIZA VIGO