El coronel no tiene quien le escriba, de Gabriel García Márquez, na Tempada de Teatro Afundación

Protagonizada por Imanol Arias e dirixida por Carlos Saura, poderase ver o 5 de marzo no Teatro Afundación de Vigo e o día 6 na Sede Afundación de Pontevedra
Publicado por o día 25/02/2020 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

El coronel no tiene quien le escriba, de Gabriel García Márquez, na Tempada de Teatro Afundación

Continúa a Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA, coa versión teatral de El coronel no tiene quien le escriba, de Gabriel García Márquez. Cun elenco conformado por Imanol Arias, Cristina de Inza, Jorge Basanta, Fran Calvo e Marta Molina, e baixo a dirección de Carlos Saura, poderase ver o xoves 5 de marzo, ás 20.30 h, no Teatro Afundación de Vigo, e o venres 6 de marzo, ás 20.30 h, no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra.

As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen un abono de tempada, que supón un aforro do 20% con respecto ao importe das entradas soltas.

EL CORONEL NO TIENE QUIEN LE ESCRIBA

O vello coronel e a súa muller viven na miseria, esperando a carta do goberno na que lle comuniquen a concesión da pensión prometida polos seus servizos durante a guerra. Pero esta carta nunca chega, e mentres tanto a vella parella malvive na pobreza alimentando a un galo de pelexa, que é a súa única esperanza de supervivencia. A medida que avanza o tempo e a carta segue sen chegar, deberán enfrontarse a un dilema: alimentar ao galo ou alimentarse eles. A cobiza do pobo, a usura dos supostos amigos e a fatalidade e estupidez da guerra mestúranse coa soidade do vello coronel, vencido pola vida pero ao que aínda lle quedan dous tesouros: o amor da súa muller e a dignidade.

A traxedia do vello coronel é o reflexo da inxustiza no mundo. A súa capacidade de resistencia ante as adversidades que o destino lle presenta é infinita, guiado por unha rebeldía tan sólida como a súa esperanza e a súa fe no ser humano.

Comentar noticia

Your email address will not be published.