10/12 – Comedia “El manual de la buena esposa”

Publicado por o día 06/12/2013 na sección de Eventos

10/12 – Comedia “El manual de la buena esposa”

  A Fundación Novacaixagalicia presentará en Vigo e Pontevedra a comedia dirixida por Quino Falero, El manual de la buena esposa o vindeiro día 10 de decembro no teatro do Centro Cultural da entidade, localizado na rúa Policarpo Sanz, 13, ás 20.30 h. As entradas están á venda a través do servizo de teleticketing Servinova, en servinova.com.

   El manual de la buena esposa é unha comedia que fala, fundamentalmente, sobre a muller española e os tempos que lle tocou vivir desde 1934 ata 1977. Tamén fala das relacións matrimoniais, do deporte, da relixión, da invasión das suecas, da censura, da radio, da sexualidade e ata dos coros e as danzas.

  O humor, que é o fío condutor da obra, permite ao seu director falar de temas moi serios coa facilidade que tan só concede a risa. A obra non xulga a sociedade da España daqueles anos, simplemente dá voz a tres mulleres que viven situacións cotiás e a través delas os espectadores poderán tirar conclusións. Así, Mariola Fuentes, Berta Ojea e Concha Delgado convértense en diferentes personaxes que representan os diferentes modos de vida dun pasado que aínda está moi preto de nós. Elas sobre o escenario serán nenas, mulleres novas que aspiran a un posto na Sección Femenina ou aplicadas esposas que procuran a felicidade do seu cónxuxe, tamén serán transgresoras das normas impostas en materia de relixión ou sexo.

 En definitiva, representarán a mulleres reais que buscan un ideal, aínda que, ás veces, sexan cuestionadas. Os programas radiofónicos, a música das diferentes épocas e os costumes sociais fican perfectamente reflectidos nesta obra fresca e orixinal que sacará o sorriso do espectador.

manual-de-la-esposa