El Prado escolle o Museo de Pontevedra como única institución galega para celebrar o seu bicentenario

O Museo estatal está a conmemorar a efeméride da súa fundación co proxecto ‘De xira por España’, que consiste na cesión dunha obra relevante das súas coleccións a diferentes museos do todo o estado

O Museo de Pontevedra é o único en Galiza que acolle obra cedida polo Museo del Prado con motivo da conmemoración do  bicentenario da institución estatal, que  baixo o epígrafe ‘De xira por España’ está a expoñer obra relevante das súas coleccións en diferentes museos do Estado español, un por cada comunidade autónoma. Ao abeiro deste proxecto, o cadro cedido ao Museo de Pontevedra é ‘Retrato de un médico’ asinado por El Greco en Toledo cara a 1582-1585. Xunto a esta obra exporanse tamén dúas destacadas versión de obras do artista que desde a década de 1940 custodia o Museo de Pontevedra e que se expoñían no edificio Castro Monteagudo ata que este foi pechado: “A expulsión dos mercadores do templo” e “San Pedro e San Paulo”.

As tres obras poderán verse reunidas na Sala de exposicións temporais número 1 do Sexto Edificio entre o 18 de marzo e o 21 de abril. O acto de apertura que terá lugar o vindeiro luns ás 11:30h estará encabezado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e contará tamén coa presenza do director do Museo del Prado, Miguel Falomir, e da conservadora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve. “Que un museo de referencia como é El Prado escolla ao Museo de Pontevedra para ser parte desta conmemoración vén dar mostra da relevancia que ten o noso Museo no Estado e da confianza que ofrece o noso persoal técnico cualificado” asegura Xosé Leal ao respecto desta iniciativa. O deputado nacionalista tamén lembra que “a isto hai que engadir a relación histórica entre ambos Museos, que se volverá visibilizar con esta nova colaboración”.

O Museo del Prado cumprirá 200 anos en novembro de 2019 e o proxecto ‘De xira por España’ é unha das iniciativas máis salientables desta conmemoración,  ao permitir que parte das xoias artísticas que posúe vaian percorrendo as distintas Comunidades Autónomas. A xoia escollida para expoñer no Museo de Pontevedra é o ‘Retrato dun médico’ de El Greco, unha obra cunha composición que lembra os retratos de intelectuais realizados en Venecia no século XVI, incluíndo o ademán retórico da man dereita. Probablemente se trate dun retrato de Luis Mercado, catedrático e médico da Real Cámara, ou de Rodrigo de la Fuente, un dos médicos máis famosos da época en Toledo –e que aparece en ‘La ilustre fregona’ de Cervantes-.

‘A expulsión dos mercadores do templo’ é unha copia do orixinal de El Greco que se atopa na igrexa de San Ginés de Madrid, datado ao redor de 1610-1614. Pola súa banda, ‘San Pedro e San Paulo’ é unha copia do óleo orixinal que se atopa no Museo da Hermitaxe en San Petersburgo, datado ao redor de 1587-1589, do que existe unha segunda versión autógrafa no Museo Nacional de Estocolmo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM