Electo o novo Consello Comarcal do BNG en Vigo

A nova dirección priorizará o relanzamento do proxecto nacionalista na comarca de Vigo.
Publicado por o día 12/04/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

Electo o novo Consello Comarcal do BNG en Vigo

O BNG da comarca de Vigo ven de renovar o seu Consello Comarcal nunha asemblea que tivo lugar na tarde do martes. Na asemblea celebrada onte resultou reelixido como responsábel comarcal Manuel Caride, cabeza de lista da única candidatura presentada que foi aprobada por unanimidade.

Xunto a Manuel Caride, pasarán a formar parte do Consello Nacional do BNG en representación da comarca de Vigo, Pedro Pérez, en calidade de vicerresponsábel comarcal, e Jessica García, actual responsábel comarcal de Galiza Nova.

Durante a súa intervención o responsábel comarcal sinalou que o BNG “debe procurar, en todo momento, que o traballo social e institucional conecte coas problemáticas sociais reais existentes en cada concello, polo que é preciso un contacto directo e permanente co tecido social organizado no mesmo”.

Ademáis, Manuel Caride indicou que os retos que ten por diante o Consello Comarcal entrante comezan co necesario reforzo organizativo e o relanzamento do proxecto político nacionalista en todos os concellos da comarca.

Para este novo período que se abre, avaliouse que é preciso afortalar o traballo do Consello Comarcal como organismo de dirección e coordinación, cuxa reducción a 15 integrantes -ás que se sumarán responsábeis locais e a persoa en representación de Galiza Nova- supón unha aposta por dotar ao BNG na comarca dunha estrutura máis áxil, operativa e participativa.