Elena Muñoz aposta polo túnel de Beiramar e a súa conexión con Bouzas como “infraestrutura imprescindible para o futuro de Vigo”

A popular subliña que a actuación permitiría recuperar toda a contorna, comezando pola zona do Auditorio: “Para afrontala é necesario recuperar a normalidade democrática e a colaboración entre administracións”
Por o 19/05/2019 | Sección: Galicia,Partido Popular,Política,Vigo
Elena Muñoz aposta polo túnel de Beiramar e a súa conexión con Bouzas como “infraestrutura imprescindible para o futuro de Vigo”
A candidata popular á Alcaldía, Elena Muñoz, apostou hoxe polo desenvolvemento do túnel de Beiramar e a súa conexión con Bouzas como unha das “infraestruturas imprescindibles” que debe acometer Vigo durante os próximos anos.
 
Esta actuación, expón, supoñería liberar de tráfico toda a contorna de Beiramar, o que permitiría a súa humanización, comezando pola zona do Auditorio Mar de Vigo. “Vigo é moitísimo máis. Levamos moito tempo dicíndoo, e hoxe reiterámolo. Para que Vigo avance hai que pensar en grande; e o túnel é pensar en grande”, profunda.
 
Con todo, e como advertiu, para o desenvolvemento deste proxecto resulta imprescindible “recuperar un mínimo de normalidade democrática e de colaboración entre administracións”, e destas coa iniciativa privada.
 
Así mesmo, e no transcurso dun paseo polo mercadillo de Bouzas, Elena Muñoz esixiu a rehabilitación inmediata do paseo da Villa, sinalando que “algúns levan 12 anos buscando escusas e responsables, pero a única realidade é que o paseo segue igual de esnaquizado”.
 
“Só durante este último mandato dixéronsenos todo tipo de cousas. Primeiro era o Porto o responsable; despois íao a arranxar o Concello; máis tarde era xa cousa de Costas… E aquí seguimos, co paseo valado e rebentado”, lamentou a cabeza de lista popular advertindo do risco de que suceda “outra desgraza”.
 

O abandono do rural

 
Neste contexto, Elena Muñoz indicou que a situación que sofre Bouzas é un “fiel reflexo do abandono do rural”. “Ao candidato socialista só impórtalle o centro do centro”, incidiu.
 
Un escenario no que subliñou que o próximo día 26 “Vigo xógase moito”. “Vigo xógase recuperar un mínimo de democracia e liberdade ou perpetuar un sistema de goberno baseado no amiguismo”, resaltou.
 
“Hoxe máis que nunca é necesario un PP forte, capaz de poñer freo aos problemas que sofre Vigo; capaz de enfrontarse ao pensamento único que queren impoñernos; capaz de acabar co Vigo de bos e malos no que nos queren facer crer”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.