Elena Muñoz aposta por facer de Vigo unha “cidade libre de enchufes” tras os últimos “escándalos socialistas”

A candidata popular subliña que “os vigueses nos merecemos un goberno limpo que non se dedique a enchufar a familiares e amigos”
Publicado por o día 18/05/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Elena Muñoz aposta por facer de Vigo unha “cidade libre de enchufes” tras os últimos “escándalos socialistas”
A candidata popular á Alcaldía, Elena Muñoz, avogou hoxe por facer de Vigo unha “cidade libre de enchufes” despois dos últimos “escándalos socialistas”. Así, a cabeza de lista popular indicou que tras as próximas eleccións municipais “os vigueses merecémonos un goberno limpo que non se dedique a enchufar a familiares e amigos”.
 
Neste marco, Elena Muñoz, que realizou estas declaracións tras unha visita ao Mercado do Calvario, cualificou de “vergoñoso” o último caso coñecido: o do enchufe da cuñada da señora Carmela Silva nunha concesionaria municipal para desempeñar un traballo que non realizou nunca e polo que cobrou máis de 128.000 euros que “aínda non devolveron aos vigueses”.
 
Este caso, lembra, saldouse cunha condena de máis de 5 anos de cárcere para un funcionario municipal, “e a señora Silva nin deu explicacións, nin dimitiu, e o que é máis insultante, repite de número 2 na lista do PSOE nestas eleccións”.
 
Así mesmo, Elena Muñoz indicou que o caso do enchufe da cuñada da señora Silva é só “a punta do iceberg” de centenares de enchufes socialistas, entre os que citou os familiares directos de señor Regades traballando nas concesionarias da iluminación pública, de parques e xardíns e do lixo.
 

Abrir portas e xanelas

 
“Agora xa sabemos porque non nos quixeron dar a listaxe de traballadores das concesionarias municipais. É unha verdadeira vergoña que se utilice un cargo público para atopar postos de traballo a familiares”, incidiu a popular.
 
Neste contexto, Elena Muñoz avogou por “abrir as portas e as xanelas de Concello”, e anunciou unha campaña en redes sociais “para que os vigueses coñezan a forma de actuar deste goberno socialista”. “O próximo día 26, Vigo xógase recuperar un mínimo de democracia e liberdade. E para iso, resulta imprescindible un PP forte”, engade.
 
“Só así poderemos controlar esta rede de amigos e familiares; só así poderemos controlar o funcionamento das concesionarias; e só así poderemos devolver un mínimo de democracia ao goberno municipal de Vigo”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.