Elena Muñoz presenta 250 medidas para “facer máis Vigo con menos impostos, máis emprego, máis familia, máis igualdade e máis cultura”

Avanza “a maior rebaixa fiscal da historia de Vigo” e comprométese a presentar durante o próximo mandato unha novo PXOM para construír un “novo modelo de cidade”
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Elena Muñoz presenta 250 medidas para “facer máis Vigo con menos impostos, máis emprego, máis familia, máis igualdade e máis cultura”

A candidata popular Elena Muñoz, acompañada doutros membros da candidatura, presentou hoxe o programa electoral para as próximas eleccións municipais que, baixo o lema ‘Vigo é Máis’, recolle 250 medidas para “facer máis Vigo con menos impostos, máis emprego, máis familia, máis igualdade e máis cultura”. “Estamos a perder poboación e peso industrial; e queremos reverter esta situación, articulando medidas para volver á nosa esencia. Queremos volver ser a locomotora de Galicia”, puntualizou, avanzando unha serie de compromisos en emprego, mocidade, familia, comercio, turismo, deporte ou cultura.
 
Así, e en primeiro lugar, Elena Muñoz apostou por “facer máis cidade”, convertendo Vigo en “un lugar excelente para vivir, planificado, sustentable e accesible”. Algo para o que, como detalla, resulta imprescindible un Plan Xeral, que se comprometeu a ter aprobado durante o próximo mandato: “Será máis sinxelo e máis viable, eliminando PERIS e áreas de repartición que non funcionaron e que teñen atrapados a miles de vigueses”. Ademais, e ata a aprobación do novo Plan, a candidata popular ha avanzado a activación dos programas Vigo Aluga e Vigo Reforma, para facilitar os alugueres e contribuír á reforma de edificios.
 
Neste marco, a popular comprometeuse a impulsar un plan estratéxico que aborde o futuro de Vigo e no que participen todos os colectivos, entidades e asociacións, capaz de “diagnosticar as nosas potencialidades e traballar sobre elas”.
 

Máis seguridade, máis transporte e máis transparencia

 
Elena Muñoz apostou tamén por “facer unha cidade máis eficiente” potenciando a seguridade e o transporte. Así, no primeiro campo, prometeu o desenvolvemento dun plan de emerxencias adaptado ás necesidades actuais –“xa vimos recentemente as consecuencias de desatender a seguridade”- e dun Plan municipal contra incendios.
 
E no tocante ao transporte, lembrou que “o tráfico é un dos principais problemas que ten Vigo”, avogando pola creación dun consello sectorial de transporte con representatividade dos grupos políticos, técnicos e transportistas. Ademais, defendeu a necesidade de incorporar a Vigo ao transporte metropolitano, e propuxo a creación de 4.000 novas prazas en 11 aparcamentos para paliar o déficit actual tras a eliminación durante estes anos de 3.000 prazas de estacionamento.
 
Así mesmo, a cabeza de lista popular prometeu devolver a transparencia ás institucións para saber “quen contrata e con quen”, e garantiu a “obxectividade na concesión de subvencións municipais”.
 

Máis emprego e menos impostos

 
Elena Muñoz destacou que “Vigo é unha cidade que creceu grazas ao desenvolvemento das súas empresas” motivo polo que apostou por “traballar nesta liña, como está a facer Portugal, para xerar oportunidades para que as empresas veñan a Vigo”. Para iso, comprometeu a concesión de novas licenzas de apertura para establecementos no prazo dun mes, simplificando os procesos administrativos, e a activación dun servizo de apoio a emprendedores e pemes.
 
Unha aposta na que a candidata popular ha englobado tamén “a maior rebaixa fiscal da historia de Vigo, que presentaremos nuns días e que incluirá medidas como a redución dun 25% do imposto de circulación, bonificacións fiscais para familias numerosas duplicando os límites de renda, ou a devolución do IBI á universidade en forma de axudas para I+D+i”.
 

Máis igualdade, máis familia e máis lecer

 
No tocante á igualdade, Elena Muñoz apostou por potenciar a asistencia e os servizos sociais, duplicando o número de traballadores sociais e reducindo os prazos de tramitación da RISGA de 6 meses a 30 días. Ademais, propuxo a creación dun Fondo local contra a exclusión social e a pobreza e a posta en marcha do programa Voluntáriate, para que a sociedade civil poida axudar e colaborar en hospitais e residencias de maiores.
 
Unha aposta pola igualdade que fixo extensible á accesibilidade, onde demandou o incremento de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, ou a mellora dos accesos ás praias para estes usuarios.
 
E no ámbito familiar, a candidata popular ha reiterado as propostas recollidas no Plan Vigo Concilia, que incorpora a gratuidade das escolas infantís para todos os vigueses ou a creación de 3.000 prazas de ludotecas. Ademais, prometeu un servizo de escola infantil nocturno e un Plan de Fomento da natalidade que complemente ás axudas estatais e autonómicas, con 600 euros para o primeiro fillo durante os tres primeiros anos, e 1.200 a partir do segundo e seguintes.
 
“Pero Vigo é tamén unha cidade para gozar”, continuou Elena Muñoz, quen lamentou que a “cultura é unha das grandes esquecidas”. Unha situación que expón reverter facendo do Auditorio de Castrelos un gran escenario de ópera e teatro ao aire libre ou activando un roteiro cos museos da cidade que poña en valor a súa historia. Ademais, engade, “temos material suficiente para facer un museo da industria; e instaremos á Xunta para que Vigo sexa sede do Museo da emigración”.
 
Unha aposta pola cultura que debe complementarse coa aposta polo turismo –“potenciando o aeroporto de Peinador da man do sector a través dos voos con máis demanda: Madrid, Barcelona e Londres–; polo comercio -“cun amplo paquete de medidas que xa presentamos e que inclúen a eliminación de impostos ou a concesión de microcréditos”-; e polo deporte, “onde faremos a gran Ciudad do Deporte que Vigo necesita”..
 
“En definitiva, son 250 medidas orientadas a ter máis Vigo; un Vigo aberto que acolla a todos; un Vigo que recupere o seu lugar polos seus feitos, non polas súas palabras ou anuncios; un Vigo da realidade que represente a todos”, detallou a popular, que subliñou que o PP é “a única alternativa que garante un cambio” en Vigo e que ofrece un proxecto no que “todos teñen cabida” e no que “Vigo está por encima de todos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.