Elena Muñoz presenta o xornal ‘Vigo es más’ para “dicirlle a todos os vigueses que outro Vigo é posible e que imos traballar para conseguilo”

A popular dá a coñecer unha iniciativa coa que busca “achegar persoalmente” aos vigueses un modelo de cidade con Plan Xeral, con menos impostos, “un Vigo líder no sector empresarial, cultural, turístico, un Vigo que pense en todos”
Publicado por o día 22/11/2018 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Elena Muñoz presenta o xornal ‘Vigo es más’ para “dicirlle a todos os vigueses que outro Vigo é posible e que imos traballar para conseguilo”

A presidenta e portavoz do PP de Vigo, Elena Muñoz visitou hoxe o Mercado do Progreso para iniciar a repartición do novo xornal do partido que, baixo o título ‘Vigo es más’, ten por obxectivo “dicirlles a todos os vigueses que outro Vigo é posible e que imos traballar para conseguilo”.
 
“Para o Partido Popular, Vigo é moitísimo máis do que se nos quere vender e do que temos a día de hoxe. Vigo é unha cidade que aspira a todo e que debe aspirar a todos, e por iso imos achegar esta mensaxe a todos os vigueses, repartindo este xornal para falar con eles do Vigo que queremos e desexamos”, resaltou.
 
Neste sentido, a líder dos populares, que estivo acompañada polos concelleiros Diego Gago, Miguel Fidalgo e Elena González, defendeu un modelo de cidade “que pense en todos e no que todos teñan cabida”, e para iso avogou por “fuxir da confrontación e da tensión, dese Vigo de bos e malos que expón o alcalde”.
 
Elena Muñoz apostou por un Vigo capaz de “atraer ás empresas e ás familias”, capaz de “evitar que sigamos perdendo peso industrial e poboación”, e para iso defendeu a necesidade de contar canto antes cun Plan Xeral.
 
“O Partido Popular fará un novo Plan Xeral para definir este modelo de cidade. Do mesmo xeito que tamén baixaremos os impostos, porque nestes momentos, con 153 millóns de remanente, o Concello non lles dá aos vigueses os servizos que se merecen. Queremos un Vigo líder no sector empresarial, cultural, turístico, un Vigo que pense en todos”, subliñou.
 
“E por iso editamos este xornal, para achegar ese Vigo aos vigueses”, continuou a popular, destacando que entre as súas páxinas os veciños poderán ler unha entrevista súa ao presidente da Xunta. Nela, detalla, “fálanos do Vigo que quere e polo que traballou estes anos, rompendo todas as mentiras que se estiveron dicindo”.
 
“Fálanos dos investimentos das que sente máis orgulloso, como o Hospital ou a depuradora; ou dos 170 millóns de orzamento que hai no ano 2019 para investimentos en Vigo; da futura cidade da xustiza, do albergue…”, incidiu.
 
Fronte a isto, Elena Muñoz sinalou que o xornal mostra esa “política para a galería” dun alcalde que “interpretou a maioría absoluta como absolutismo, identificando a Vigo con el”. “Caballero non é Vigo. Non pode arrogarse esa función, e estamos absolutamente en contra desa política de ‘quen me critica a min, critica a Vigo’”.
 
Por todo iso, a portavoz popular ha indicado que o xornal lles permitirá “percorrer todos os puntos de Vigo, falando cara a cara cos vigueses para dicirlles que temos ilusión por Vigo, que queremos traballar por Vigo e que cremos que outro Vigo é posible”.