Elena Muñoz promete 4.000 novas prazas de estacionamento en Vigo cun prezo máximo de aluguer de 30 euros ao mes

A candidata popular aposta pola creación dunha rede pública con 11 aparcamentos, reservando un 80% das prazas para residentes e o 20% restante para rotación
Por o 21/05/2019 | Sección: Galicia,Partido Popular,Política,Vigo
Elena Muñoz promete 4.000 novas prazas de estacionamento en Vigo cun prezo máximo de aluguer de 30 euros ao mes
Compartir en:

A candidata popular á Alcaldía, Elena Muñoz, comprometeuse onte coa creación de 4.000 novas prazas de estacionamento en Vigo a prezos alcanzables, tanto en aluguer como en rotación.

Nun encontro cos medios na rúa de Torrecedeira, a popular chamou a atención sobre o importante déficit de aparcamento tras a eliminación de 3.000 prazas como consecuencia das obras de humanización levadas a cabo nos últimos anos.

Para Elena Muñoz, que defendeu que a mobilidade debe ser un asunto prioritario para calquera goberno dunha gran cidade, hai zonas que están completamente abandonadas polo goberno actual. “O de Torrecedeira é só un exemplo do que vimos advertindo desde hai tempo; hai un problema de mobilidade que urxe liquidar”, sinalou, para defender a proposta de crear unha rede pública con 11 novos aparcamentos, que se complementaría cos de iniciativa público-privada, e coa mellora do transporte público xa anunciada.

Segundo detallou, a proporción proposta supoñería un 80 por cento de prazas para residentes a un prezo máximo de 30 euros ao mes e a reserva do 20 por cento restante para rotación. As zonas de construción serán Navia, Travesía de Vigo, Torrecedeira, Balaídos, Casablanca, Coia, Gran Vía, Bouzas, Teis, Casco Vello e Miñoca.

Neste sentido, a candidata popular comprometeuse a “traballar por recuperar todas as zonas perdidas”, con propostas concretas que se recollen no programa electoral, dixo. “Hai zonas de Vigo que se están resentindo pola falta de aparcamento e o comercio local é o primeiro en sufrir as súas consecuencias”, defendeu.

Así, receitou propostas que palien a discriminación entre o centro e as demais parroquias de Vigo, mellorando a mobilidade de forma transversal, pois como dixo “todos os veciños, independentemente de onde vivan pagan os mesmos impostos, e nós queremos un Vigo igual para todos”. Precisamente, ao fío disto último, lembrou que se pagan os impostos máis caros de Galicia sen que teñan reflexo nos servizos que se prestan a algunhas zonas.

Xa para terminar, insistiu en que esta rede de aparcamentos públicos sumada á proposta dunha tarifa plana de autobús de 20 euros ao mes que permitirá aos usuarios viaxes ilimitados, “mellorará substancialmente os problemas de mobilidade dos que se queixan os vigueses”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.