Elena Muñoz promete unha “alfombra vermella aos investimentos en Vigo” coa licenza exprés e a redución do IAE un 25%

Considera imprescindible aprobar unha novo PXOM durante o próximo mandato para poder ofrecer chan industrial e lembra que as dúas últimas implantacións empresariais no PTL de Valladares fixéronse en 2004
Por o 09/05/2019 | Sección: Galicia,Partido Popular,Política
Elena Muñoz promete unha “alfombra vermella aos investimentos en Vigo” coa licenza  exprés e a redución do IAE un 25%
Compartir en:
A candidata popular Elena Muñoz participou hoxe no xantar – coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia con motivo das próximas eleccións municipais, onde prometeu “unha alfombra vermella aos investimentos en Vigo” coa activación da licenza exprés e da “maior rebaixa fiscal da historia de Vigo”, que incluirá, entre outras medidas, unha redución do 25% no Imposto de Actividades Económicas (IAE).
 
Unha rebaixa, a anunciada este mediodía, que se suma ás xa avanzadas da proposta impositiva do Partido Popular de Vigo, tales como a exención das taxas aos comerciantes ou a redución dun 25% do Imposto de circulación. Porque, tal e como asegurou a candidata popular, “non pode ser que unha empresa pague un 40% máis de IAE en Vigo que en Nigrán”. “Vigo debe ter un Imposto de Actividades Económicas que fomente precisamente a actividade económica”, dixo, para receitar “menos burocracia e máis axilidade por parte da Administración local”.
 
Na súa opinión, as cousas non se están facendo ben desde o ámbito local, como así o acreditan os datos de perda de peso empresarial e poboación. “A área de Vigo crece en poboación mentres nós perdémola; a facturación das empresas baixou un 11% mentres que outras zonas de Galicia crece case un 50%; e mantemos estable o Valor Engadido Bruto mentres que crece ata nun 60% noutras zonas”, apuntou.
 
“Non podemos ter os impostos máis altos de Galicia”, criticou Elena Muñoz, para sinalar que o número de empresas que tributan por IAE descendeu un 13% mentres que, paradoxalmente, a recadación crece. Así mesmo, fixo especial fincapé nos 257 millóns de euros de orzamento municipal, dos cales, lembra, só un 2% destínase a empresas e emprego e case un 80% a gasto corrente.
 
Cifras que constatan, ao seu xuízo, a “ineficacia” dunha administración que tarda 300 días en dar unha licenza, á cola de Europa, e que lle deron pé a avanzar que, cos populares no goberno, as licenzas de apertura para novos establecementos daranse nun prazo máximo de 30 días”.
 
Ao fío, a aspirante á Alcaldía de Vigo reclamou aprender dos nosos veciños portugueses. “En Portugal fixeron un cambio radical de filosofía, sabedores de que desde as cidades, desde os concellos, débese ser proactivo e arrastrar a todo o tecido empresarial para que haxa investimentos. Alí houbo un xiro de mentalidade e xa non hai alcaldes do século XIX, preocupados polas lousas, senón que son protagonistas dos investimentos; alí os alcaldes convertéronse nos mellores comerciais das súas cidades dando facilidades aos investimentos, e nós queremos seguir este modelo”, subliñou.
 
Neste sentido, Elena Muñoz apostou pola creación dun servizo de apoio a emprendedores e pemes, pedra angular do Vigo aspirado como capital da Eurorrexión, capaz de liderar o noroeste peninsular. “Temos todos os ingredientes para facelo e a convicción de que ese empuxón debe de chegar desde a Administración local”, asegurou a candidata, para comprometerse a que Vigo será un Concello Doing Business capaz de atraer novos investimentos.
 

Chan industrial

 
Tamén se referiu Elena Muñoz á falta de chan industrial advertindo das consecuencias da ausencia dun plan urbanístico que achegue seguridade xurídica ás nosas empresas. “Debemos frear a migración de empresas a Portugal”, remarcou, para aseverar que “unha cidade como Vigo non se pode permitir estar máis tempo sen Plan Xeral”.
 
Neste sentido, destacou que “levamos máis de 3 anos e medio nunha situación de limbo urbanístico e a saber cantos anos máis poderiamos seguir así”. Un escenario que, como sinala, “impide investimentos, dispoñibilidade de chan empresarial e fai que os alugueres se disparen con prezos inasumibles”. Ao fío, considerou imprescindible aprobar unha novo PXOM durante o próximo mandato para poder ofrecer chan industrial, xa que lembrou que as dúas últimas implantacións empresariais no PTL de Valladares fixéronse en 2004.
 
Así mesmo, a candidata popular ha feito referencia ás infraestruturas pendentes. Segundo dixo, o Partido Popular seguirá reclamando para Vigo “o que é de Vigo”: o saída sur, a gratuidade da peaxe a Redondela, a nova Autovía Vigo – O Porriño ou a entrada urbana en Teis desde as Torres de Padín.
 

“Un cambio de estilo”

 
E á oportunidade que se lles brinda aos vigueses e viguesas de “cambiar o estilo” e “facer as cousas doutra maneira” referiuse Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social e exalcaldesa de Vigo, encargada de presentar a Muñoz no seu relatorio. Así, apostou pola política que “busca aliados e coopera”, fronte á que “ve inimigos e confronta polo simple feito de non compartir siglas”.
 
“É posible un cambio, pódese facer, pódese volver ao entendemento e ao diálogo e superar a crispación”, dixo, convencida de que “Elena Muñoz pode protagonizar ese cambio”. “Ten proxecto e un bo equipo e se se lle dá a oportunidade Vigo sairá gañando e poderá avanzar”, dixo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.