Elena Muñoz propón a creación dunha unidade municipal de asistencia a domicilio para maiores que estea operativa as 24 horas

A candidata popular aposta por un Concello que destaque polas súas políticas sociais e, especialmente, por aquelas enfocadas aos artífices do Vigo de hoxe: “Os nosos maiores”
Publicado por o día 22/05/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Elena Muñoz propón a creación dunha unidade municipal de asistencia a domicilio para maiores que estea operativa as 24 horas
A candidata popular á Alcaldía, Elena Muñoz, propuxo hoxe a creación dunha unidade de asistencia a domicilio para persoas maiores que estaría operativa as 24 horas do día. Neste sentido, mostrouse convencida da necesidade de reforzar a atención a quen cualificou como os “artífices do Vigo que hoxe coñecemos e temos, a quen coidou dos seus fillos e, en moitos casos, agora están a coidar dos seus netos”.
 
Neste marco, e durante unha visita o mercado do Progreso, Elena Muñoz considerou clave a implicación das administracións neste ámbito, especialmente da local por proximidade. “Debémosllo aos nosos maiores”, incidiu, para avanzar unha batería de propostas que pasan por mellorar os servizos asistenciais que se prestan na actualidade.
 
“Non nos conformamos. Debemos incrementar o número de coidadores de barrio e ampliar o seu radio de acción ata as zonas do rural, moi abandonadas por este goberno”, subliñou, para referirse a todos eses maiores que, a día de hoxe, viven sós e precisan atención.
 
Ao fío disto último, a cabeza de cartel do PP en Vigo lembrou que só nos primeiros 5 meses do ano a Policía Local atendeu a máis de 500 auxilios relacionados con persoas maiores que viven soas nas súas casas. Na súa opinión, un servizo que non debería estar a realizar a Policía Local, senón unha unidade especializada de atención a domicilio con persoal facultado para a súa asistencia, tal e como propuxo.
 
Pero non son estas as únicas medidas avanzada pola número 1 do PP vigués, quen tamén profundou na necesidade de ampliar a actual rede de centros de día: “Mellorar a calidade de vida dos nosos maiores foi, debe ser e será para o PP un obxectivo irrenunciable”.
 
Redimensionar o persoal municipal de Benestar Social, para adaptala ás demandas reais; apoiar ás asociacións e centros especializados en programas de rehabilitación; crear “Zonas Vida” ao longo de sendas e paseos, ou potenciar programas de envellecemento activo e deporte, son parte da batería de medidas que nesta materia propoñen os populares de Vigo.
 
En definitiva e en palabras de Elena Muñoz: “Converternos nun Concello que se destaque polos seus servizos sociais e, concretamente, pola atención aos nosos maiores”.