Elena Muñoz propón destinar 30 millóns do remanente a dotar ás parroquias do mesmo nivel de servizos e infraestruturas que o centro de Vigo

A candidata popular avanza unha moción que se debaterá no próximo pleno e que busca impulsar “un Vigo mellor e máis igualitario”, mellorando o transporte, as humanizacións e o patrimonio histórico do rural vigués
Publicado por o día 19/04/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Elena Muñoz propón destinar 30 millóns do remanente a dotar ás parroquias do mesmo nivel de servizos e infraestruturas que o centro de Vigo
A candidata e portavoz popular, Elena Muñoz, propuxo hoxe destinar 30 millóns de euros do remanente municipal a dotar ás parroquias do mesmo nivel de servizos e infraestruturas que o centro de Vigo. “Queremos un Vigo mellor e máis igualitario, e por iso expomos unha aposta decidida polo rural que se traduza nunha mellora significativa no transporte, nas humanizacións, no patrimonio, nos saneamentos e abastecemento, na limpeza ou no urbanismo”, incidiu.
 
Unha actuación que, como detalla a candidata, o seu grupo levará ao pleno do próximo mércores co obxectivo de que a Corporación municipal aposte por acabar con ese “Vigo de dúas velocidades no que nos introduciron”. “Non pode seguir habendo vigueses de primeira e de segunda”, engadiu, lembrando que o PSOE xa votou en contra no pleno do pavillón de Matamá ou que o CEIP Párroco Don Camilo segue sen novos accesos.
 
Neste marco, Elena Muñoz apostou, de modo concreto, por promover un plan específico de transporte público nas parroquias; por o impulso de humanizacións que melloren as beirarrúas do rural; e pola recuperación do patrimonio histórico destas zonas.
 
Así, a candidata popular considera prioritario mellorar a comunicación entre as parroquias, e destas co centro de Vigo e coas infraestruturas e servizos fundamentais da cidade como o Hospital Álvaro Cunqueiro.
 
Por este motivo, apostou por lanzadeiras reais ao hospital desde as parroquias, e que exista un servizo similar as fins de semana. “Non pode ser que un veciño de Teis, de Navia ou de Oia tarde unha hora en chegar ao hospital. Ou máis dunha hora en chegar ao centro. Eses veciños pagan os mesmos impostos”, subliñou.
 
Así mesmo, Muñoz defendeu a necesidade de mellorar as infraestruturas do rural, en particular as beirarrúas, xa que son “unha das principais demandas que recibimos dos veciños”. “Moitos teñen que ir camiñando pola estrada para coller o autobús ou para levar aos nenos ao colexio. É necesaria unha maior seguridade. Non pode haber cidadáns de primeira e de segunda”, insistiu.
 
“As parroquias de Vigo teñen dereito aos mesmos servizos que o centro, algo que non se está producindo. A brecha é cada vez máis grande, polo que esiximos que o goberno traballe por un Vigo igual para todos. Por iso esperamos o apoio unánime de toda a Corporación a esta proposta”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.