Elena Muñoz propón o programa ‘Vigo Concilia’ para avanzar desde o Concello na “igualdade real e efectiva” de oportunidades e facer de Vigo un referente

Destaca, entre as medidas deste plan que se incluirá no programa das municipais, a gratuidade das garderías municipais para todos ou a creación de 3.000 prazas de ludoteca
Publicado por o día 08/03/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Elena Muñoz propón o programa ‘Vigo Concilia’ para avanzar desde o  Concello na “igualdade real e efectiva” de oportunidades e facer de Vigo un referente
A candidata do Partido Popular á Alcaldía, Elena Muñoz, presentou hoxe o programa ‘Vigo Concilia’, unha iniciativa que formará parte do seu programa electoral e que inclúe un paquete de medidas que apostan pola conciliación da vida profesional e persoal co obxectivo de avanzar desde o Concello na “igualdade real e efectiva” de oportunidades e facer de Vigo un referente.
 
“Para avanzar nesta igualdade real ten que haber unha participación activa de todos; das empresas e das administracións públicas, de todos os niveis, tamén desde a local”, defendeu a candidata popular durante unha visita ás instalacións de Servitalent, empresa á que puxo como “exemplo na práctica dunha conciliación activa” a través do fomento da flexibilidade laboral, o teletraballo ou o interim management.
 
Entre as medidas que inclúe o programa ‘Vigo Concilia’, Elena Muñoz destacou, en primeiro lugar, a “gratuidade das garderías municipais para todos” e a creación de 3.000 prazas de ludoteca para “facilitar espazos nos que os nenos poidan aprender e gozar”.
 
Así mesmo, a candidata popular ha prometido unha “bonificación fiscal do 99% no Imposto de Actividades Económicas” para todas aquelas empresas que acrediten a adopción de medidas de conciliación. Ademais, apostou por establecer, como criterio obxectivo de valoración para o acceso a subvencións públicas, a adopción deste tipo de medidas, ademais de incluílo como requisito para as empresas que queiran contratar coa administración municipal.
 
Elena Muñoz, que estivo acompañada polo CEO da compañía, Alberto Fernández Varela, e pola deputada autonómica, Marián García, destacou que este paquete de medidas está orientado a mellorar a conciliación da vida laboral e persoal, permitindo a mulleres e homes “non ter que elixir nin ter que renunciar ao desenvolvemento da súa vida profesional”.
 
“Este é o camiño polo que queremos avanzar, e polo que estamos seguros de que ten que avanzar Vigo para ser exemplo e referente, como primeira cidade de Galicia, nas políticas de conciliación”, resaltou a popular, quen defendeu que “na loita pola igualdade non pode haber bandos, todos debemos estar unidos para conseguir unha igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.