Eliminadas 8 propostas para a nova ponte peonil entre Tomiño e Cerveira

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez anuncia que xa hai deseños favoritos e que os tres finalistas se decidirán neste mes.
Publicado por o día 01/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Tomiño

Eliminadas 8 propostas para a nova ponte peonil entre Tomiño e Cerveira

Unha reunión de tres horas e media serviu para que o xurado do concurso de ideas do deseño da nova ponte peonil sobre o Miño entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira eliminara oito das 24 propostas. Os deseños rexeitados non acadaron a puntuación mínima (50 puntos) en relación a aspectos como mobilidade sustentable e accesible, ao tratamento do medio, patrimonio, ou á navegabilidade do río, ou ben tiñan unha execución non viable.

O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez –impulsor da iniciativa- subliñou que será necesaria unha nova reunión do comité de valoración para escoller os tres deseños finalistas entre os 16 restantes. Destacou a dificultade de facer unha criba entre as propostas, que cualificou de “grande calidade e complexidade”, e indicou que xa se van marcando algunhas favoritas, polo que o máis probable será que as tres mellores e a de reserva se poidan facer públicas neste mes.

Benítez indicou que o concello de Tomiño e a cámara de Vilanova de Cerveira, da man da Deputación de Pontevedra, teñen unha idea “innovadora” que consiste en crear un espazo público urbano -un europarque- en dous países para ser xestionado de xeito común. “Iso implica que hai que unir fisicamente o actual espazo fortaleza en Tomiño co parque do Castelinho a través dunha pasarela peonil. Hai moi poucos exemplos en toda Europa onde se poida estar nun parque situado en dous países e iso merece que o elemento de unión, a ponte peonil, se elixa a través dun concurso de ideas internacional como o que estamos a desenvolver, para que o deseño sexa o máis innovador, respectuoso e atractivo posible”, dixo.

O nacionalista explicou que xa houbo varias reunións do xurado e unha visita ‘in situ’ ás ribeiras de Tomiño e Cerveira entre as que se vai instalar o viaduto. Incluso se fixo un paseo en barco para poder entender e visualizar a futura ponte. “Os dous parques actuais teñen unha separación de 180 metros a través do río, no punto máis estreito do Miño de Tui para abaixo, e a propia natureza pide que haxa ese encontro que promovemos. De feito, na visita todos os membros do xurado e o comité asesor visualizaron a necesidade de que se unan os dous países e se cree este parque único urbano”, insistiu Benítez.

Corazón das sendas do río Miño

O futuro europarque Castelinho-Fortaleza será un espazo libre de coches e de todo tipo de tráfico rodado de máis de máis de 80.000 metros cadrados que une a rede de sendeiros que xa están construídos á beira do Miño. “Este europarque vai ser como ese corazón do que saen as veas e as arterias, as sendas xa feitas á beira do río tanto en Portugal, ata Caminha ou Valença, como en Tomiño, con conexións ata A Guarda e á outra ponte internacional. Estas sendas permiten gozar do Miño, dese gran elemento físico que ten unha paisaxe e uns valores ambientais enormes e que queremos potenciar”, salientou.

“Pola mala sorte de ser fronteira sempre se entendeu que o río separaba, e o que queremos con este tipo de iniciativas é que se vexa que o río Miño pode ser o centro de algo realmente interesante e que poida situar a esta zona no mapa, sabendo que está entre Vigo e Oporto, con moitas persoas transitando, e sendo un grande elemento de atracción turística, que é o importante”, finalizou.

Como xa se indicou, a redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada no proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado ao Interreg V-A nunha candidatura conxunta liderada pola Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo, que tivo un cofinanciamento do 75% de fondos europeos dun orzamento de dous millóns de euros.