Els Joglars na tempada de teatro de Afundación en Vigo e Pontevedra

O martes 14 e o mércores 15 de febreiro estarán no Teatro Afundación Vigo.
Publicado por o día 14/02/2017 na sección de Cultura,Vigo

Els Joglars na tempada de teatro de  Afundación en Vigo e Pontevedra

O Teatro Afundación Vigo acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación das funcións que a emblemática agrupación catalá Els Joglars levará ao escenario vigués esta tarde e mañá ás 20.30 h, e o xoves na Sede Afundación Pontevedra á mesma hora. Zenit: la realidad a su medida, unha obra incluída na tempada de abonos de teatro de Afundación en Vigo e Pontevedra, é o título da peza que hoxe presentaron perante os medios de comunicación Marité Cores Fernández, coordinadora da Área de Cultura de Afundación, e o elenco completo que compón esta obra teatral: Ramón Fontserè, Pilar Sáenz, Dolors Tuneu, Xevi Vilà, Julián Ortega e Juan Pablo Mazorra. As entradas para estes espectáculos están dispoñibles a través das canles habituais da entidade en Ataquilla.com ou ben no 902 504 500.

A nova proposta do emblemático grupo catalán Els Joglars é Zenit: la realidad a su medida, de Ramon Fontserè e Martina Cabanas. A obra amosa o desenvolvemento dun gran xornal, Zenit. Observamos con detalle as súas oficinas, o día a día dos xornalistas, as amizades e obrigas dos seus propietarios, o enfrontamento entre o xornalismo ético e a voracidade do medio. A súa cota de poder e influencia é proporcional ao número de vendas, e para iso non se dubidará en manipular, filtrar ou retocar a realidade. «Zenit: la realidad a su medida é unha reflexión sobre os medios de comunicación, unha visión da situación actual onde a responsabilidade está repartida, entre o periodista e un lector que debe saber escoller entre toda a información que recibe» subliña Ramón Fontserè. Para deseñar a obra, Els Joglars contaron co asesoramento de profesionais da información, que lles achegaron a súa visión sobre o contexto actual: «Hai un conflito entre o periodismo de hoxe en día e o veterano, o que reclama tempo para investigar e se gasta a sola dos zapatos pisando a rúa», engade.

Cun elenco formado por seis actores e actrices: Ramón Fontserè, Pilar Sáenz, Dolors Tuneu, Xevi Vilà, Julián Ortega e Juan Pablo Mazorra, Zenit é un espectáculo moi visual, satírico e divertido, pero tamén é «un canto ao periodismo serio. Reivindicamos na obra unha profesión que nos parece imprescindible na sociedade, un oficio que ten unha gran responsabilidade», comenta Dolors Tuneu. Unha responsabilidade pola que moitas veces pagan un prezo moi alto: «somos un dos países onde morren máis xornalistas porque contan aquilo do que non se pode falar», engade Juan Pablo Mazorra, o actor mexicano que se acaba de incorporar ao elenco de Els Joglars.