Emerxia rexistra dende a súa posta en marcha un total de 120 comunicacións

Casares animou a toda a veciñanza a empregar a aplicación que, de maneira sinxela e rápida, lle abre unha fiestra ao cidadán para que teña máis posibilidades de comunicar incidencias e que os avisos se realicen de maneira máis regulada
Publicado por o día 25/03/2019 na sección de Galicia,Lalín

Emerxia rexistra dende a súa posta en marcha un total de 120 comunicacións

Seis meses despois da súa posta en funcionamento, a ferramenta de mapeo e xestión de incidencias do Concello de Lalín,  “Emerxia” , rexistrou un total de 120 avisos. Así o vén de informar o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, puxo de relevo a utilidade desta nova aplicación dixital que se enmarca dentro das iniciativas do Obxectivo Temático número 2 da estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020), cuxo obxectivo é o de fomentar o desenvolvemento e o acceso ás TIC co fin de mellorar a prestación de servizo públicos. Casares animou a toda a cidadanía a empregar a mencionada aplicación que, de maneira sinxela e rápida, lle abre unha fiestra ao cidadán para que teña máis posibilidades de comunicar incidencias e que estas comunicacións se realicen de maneira máis regulada.

Das 120 emerxencias rexistradas polos usuarios a través do portal emerxia.gal/lalin, máis da metade estiveron relacionadas con problemas no servizo de alumeado público. Concretamente, foron 62 os avisos que se produciron por esta cuestión, o que representa o 51,6 % do total. Desta cifra, Casares explicou que 58 foron resoltos, 3 se atopan en trámite de resolución e 1 permanece asignado ao servizo correspondente. As incidencias relacionadas cos prestación do servizo do lixo foron 16 (13.3%). Neste caso, 10 xa foron resoltas, 4 atópanse en trámite e 2 están asignadas ao departamento. Pola súa banda producíronse 3 avisos referentes a xardinería dos que 1 está resolto e os outros en trámite e asigano. Tamén se produciron outros 3 relacionados co subministro de auga e os saneamentos, atopándose igualmente cada un nunha fase diferentes de intervención. Doutro lado, recibíronse 18 avisos encaixados na categoría de “outros” onde se atopan, principalmente, aqueles relacionados con obras, fochancas etc. Neste caso 9 foron resoltos, 5 están en trámite e 4 asignados. Por último, Emerxia recibiu outras 18 comunicacións que non se poden clasificar como emerxencia e que en boa parte son propostas e suxestións varias dos usuarios, que nestes casos son trasladadas ao departamento correspondente para tratar de darlle unha resposta o antes posible.

Nicolás González Casares insistiu na gran funcionalidade desta ferramenta que  está permitindo mellorar e axilizar os servizos de atención públicos que ofrece o Concello de Lalín. Porén,  fixo un chamamento para que os veciños e veciñas de Lalín se acostumen a empregala posto que  acorta os tempos de xestión e ofrece a posibilidade de dar solución ás incidencias de  modo máis eficiente. Lembrou que o acceso é moi sinxelo e pode facerse ou ben a  través dun navegador web na páxina www.emerxia.gal/lalin ou ben descargando a aplicación dispoñible para iOS e Android. O modelo de reporte de incidencias tamén é moi simple xa que se busca que calquera persoa poida transmitilas, polo que non é preciso rexistrarse nin introducir apenas datos por parte do usuario. Casares tamén destacou que a ferramenta serve para avanzar na implantación do proxecto Smart City Lalín que,  a través de múltiples iniciativas relacionadas coas TIC, suporá un antes e un despois na modernización tecnolóxica do municipio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.