Empadroados en Moaña terán un desconto dun 5% na factura coa cooperativa Nosa Enerxía

O Concello de Moaña aposta por un novo modelo enerxético respectuoso co medio ambiente, democrático na súa xestión e centrado en Galiza. Un ben básico como a electricidade é un dereito para a cidadanía e non debe buscar lucro empresarial.

Con ese obxectivo, o Concello de Moaña someterá a acordo da Xunta de Goberno Local o vindeiro luns 24 de xullo a adxudicación do subministro de enerxía eléctrica de cinco edificios á cooperativa galega Nosa Enerxía durante un ano.

Será a electricidade que se consuma na Casa da Mocidade, na Ludoteca, na Escola Infantil Galiña Azul e nos clubes de xubilados de Moaña e Domaio, cun gasto total anual aproximado de 17.700 euros.

A decisión do goberno local está baseada nas seguintes consideracións:

• A cooperativa Nosa Enerxía participa da economía social, aspirando a un modelo económico máis
democrático onde as persoas consumidoras sexan parte activa na toma de decisións sobre o modelo
enerxético que queremos.

• A cooperativa Nosa Enerxía é unha entidade sen ánimo de lucro.

• A cooperativa Nosa Enerxía comercializa só electricidade con certificados verdes (producida mediante enerxías renovables) contribuíndo á preservación do medio ambiente.

• A cooperativa Nosa Enerxía é galega e tributa en Galiza, evitando que os nosos recursos rematen noutrosterritorios.

• A contratación coa cooperativa Nosa Enerxía suporá, en termos xerais, un aforro para o Concello de Moaña, atendendo aos prezos da enerxía ao longo de 2016, sen poder cuantificar o mesmo dada a variabilidade dos prezos da enerxía.

• A cooperativa Nosa Enerxía fará un desconto do 5% a calquera persoa censada no Concello de Moaña que se faga socia de Nosa Enerxía e contrate con ela a electricidade durante o primeiro ano do seu contrato.

Desde o Concello de Moaña animan á veciñanza a reflexionar sobre a necesidade deste novo modelo enerxético e a facerse partícipe do mesmo a través da oportunidade que ofrece a cooperativa Nosa Enerxía, que ademais suporá un aforro na factura da luz.

O Concello de Moaña ten previsto licitar dentro dun ano o subministro eléctrico de todo o Concello, para o que se dispón a preparar uns pregos de licitación que teñan en conta o modelo enerxético que defenden.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM