Empresarios galegos exploran novas oportunidades de negocio en China e India da man de INEO e Ecicii Plus

Máis dunha trintena de representantes de pemes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal déronse cita esta mañá en Vigo na xornada organizada pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia para coñecer as opcións que brindan estes mercados, así como as ferramentas financeiras dispoñibles para emprender ou ampliar os seus procesos de internacionalización
Publicado por o día 08/10/2019 na sección de Galicia,Vigo

Empresarios galegos exploran novas oportunidades de negocio en China e India da man de INEO e Ecicii Plus

A Asociación de Empresarios de Tecnoloxía de Galicia (INEO) celebrou esta mañá na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) a xornada “Oportunidades de negocio multisectorial en China e India”. Un evento enmarcado no proxecto de fomento da internacionalización Ecicii Plus, financiado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, que achegou aos asistentes craves para iniciar ou ampliar procesos de internacionalización nestes mercados.

O director de operacións de INEO, Luís Rey, comezou a xornada, organizada en colaboración co Banco Sabadell, detallando as oportunidades que brinda Ecicii Plus. Un proxecto dirixido ás pemes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal do que destacou que “aposta pola experimentación de modelos de internacionalización multisectorial, concretamente en sectores estratéxicos para ambos os países como son o agroalimentario, o contract e servizos intensivos en coñecemento”.

Luís Rey tamén fixo referencia aos catro grandes bloques de servizos que ofrece o proxecto: diagnóstico, asesoramento, información e organización de misións inversas e eventos promocionais no exterior. Precisamente, anunciou, que no marco deste último, INEO ten prevista unha misión comercial a México, que se celebrará a finais deste mes, orientada ao sector das tecnoloxías de información e comunicación. “Desde a nosa entidade coordinamos esta misión que permitirá promocionar os produtos e servizos das pemes da Eurorrexión na Conferencia Internacional de Investigación e Innovación en Enxeñería de Software (CONISOFT) e nas súas actividades asociadas”.

China e India: oportunidades e experiencias galegas

Seguidamente, Armando Priegue-Freire, socio director de Axperia Ventures, moderador desta xornada, esbozou algunhas das características dos países protagonistas da xornada e fixo referencia á experiencia das firmas galegas nestes mercados.

Hugo Tian Hong, director do China Center de París e presidente do China Source Capital Investment, que participou en grandes proxectos entre China e Europa, foi o encargado de presentar as oportunidades de negocio que brinda este país asiático ás pemes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Tras esta intervención, tomou a palabra Guillermo Montero, xerente de Mar Ceibe, que contou a experiencia desta compañía galega que leva xa seis anos exportando recoiro frescas a China.

Posteriomente, Arun Kumar, conselleiro de Sunpower en India e partner de Axperia Ventures en Nova Deli, e que conta con máis de 25 anos de experiencia no sector “ energy utilities” en India e Europa, expuxo as características e oportunidades do mercado indio.

Na mesma liña versou a intervención de Gonzalo Varela, director de GV Solucións, que contou a experiencia da súa compañía na India e como presentaron na India Water Impact Summit 2018 as súas solucións tecnolóxicas para que as autoridades deste país resolvan problemas no ciclo de auga.

Por último, Javier Balbín, director territorial do Noroeste e director de Negocio Internacional en Banco Sabadell, presentou os instrumentos de apoio que ofrece a entidade financeira para a expansión das compañías cara a estes mercados.

A xornada finalizou cun café networking acompañado de reunións bilaterais entre as empresas asistentes e os relatores da mesma.

Sobre Ecicii Plus

O proxecto Estrutura Empresarial Conxunta para o Impulso e a Captación de Iniciativas de Internacionalización”, ECICII Plus, enmárcase dentro do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é fortalecer a capacidade de internacionalización das pemes da Eurorrexión a través da intensificación da cooperación transfronteiriza e do aproveitamento das sinerxias da experiencia galega e do norte de Portugal, apostando tamén pola experimentación con modelos de internacionalización multisectorial.

Ecicii Plus conta coa participación de seis entidades de Galicia e do norte de Portugal: a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Confederación de Empresarios de Ourense ( CEO); a Associaçao Empresarial de Portugal ( AEP), a Associaçao Empresarial de Viana do Castelo (AEVC) e a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO).

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.