En Común propón un gran ‘Pacto por Galicia’ na defensa e fortaleza do público “como o elemento que nos une na defensa do común”

“A reconstrución é un gran desafío e unha grande oportunidade para un cambio profundo de modelo que forneza o público poñendo o foco nas persoas e nos coidados”
Publicado por o día 05/05/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

En Común propón un gran ‘Pacto por Galicia’ na defensa e fortaleza do público “como o elemento que nos une na defensa do común”

Galicia en Común-Anova Mareas vén de propoñer hoxe ao resto de forzas políticas, sociais e económicas do país un gran ‘Pacto por Galicia’ baseado no consenso, no diálogo e na cooperación, desde a solidariedade e o convencemento de que a saída á crise pasa por impulsar políticas económicas expansivas destinadas a reactivar o país coas garantías na protección social e sanitaria das traballadoras e as maiorías sociais.

“O público é o que nos une. O que mellor representa os valores da sociedade galega, a nosa capacidade de traballar xuntas por un obxectivo común. Propoñemos un gran acordo de país, polo futuro, polo público e polo común. Isto é o que nos demanda a sociedade. Un acordo que nos integre a todos e afastado dos intereses e lóxicas partidistas”, manifestou o voceiro da coalición.

Antón Gómez Reino, en rolda de prensa telemática, foi contundente hoxe na defensa do común fronte á fraxilidade na que fica Galicia logo dunha década de recortes “máis de 25.000 millóns de euros menos en gasto público desde 2009”, subliñou, e na vulnerabilidade na que se atopan moitas familias para as que cómpre ampliar e fornecer xa escudo social.

“Esta crise pon en evidencia a fraxilidade do sistema produtivo e empresarial do país. Unha de cada tres persoas deixou de traballar o 12 de marzo”, sinalou Gómez Reino.

“Este acordo de país, este Pacto por Galicia é imprescindible. A reconstrución é un gran desafío e será unha grande oportunidade para un cambio profundo de modelo que nos permita trocar as políticas de austeridade para reforzar o público, poñer o foco nos coidados, na sanidade, na vivenda, nos sectores primarios e na protección do medio ambiente”, reflexionou.

A proposta de Galicia en Común-Anova Mareas está fundamentada sobre cinco piares fundamentais.

O primeiro pasa polo reforzo inmediato dos recursos orzamentarios para blindar o público, esencialmente a sanidade e a protección social. En segundo lugar, a reactivación da economía galega e a modernización do modelo produtivo; o fortalecemento dos coidados; a mellora do sistema fiscal e do reparto de fondos e, por último, un amplo consenso político e social para potenciar a nosa posición de país no Estado e ante as institución europeas.

“O tempo aprema. É imprescindible iniciar xa o proceso de reconstrución dos piares da Galicia do futuro. É momento de procurar amplos consensos e de rearmar a economía do país co público como elemento central”, salientou Gómez Reino.

“Ninguén pode cuestionar a necesidade de coidar e protexer a sanidade pública, a urxencia de relocalizar a produción industrial, a defensa de medidas absolutamente fundamentais como a Renda Mínima Vital e ninguén pode entender nin compartir estes dez anos de recortes a sanidade, ao ensino, a xustiza e as emerxencias”, manifestou, para lanzar un chamado ao resto de forzas políticas, sociais, sindicais, agrarias e económicas do país a que se sumen, desde xa, a un pacto pola Galicia do futuro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.