En Común-Unidas Podemos esixirá recursos para a rexeneración inmediata da Ría do Burgo desde o próximo Goberno

Antón Gómez-Reino sinala a Ría do Burgo é representativa das reivindicacións polas que se está mobilizando a mocidade cada venres: un medio ambiente saneado e unha capacidade de traballo que sexa respectuosa co ecosistema.
Publicado por o día 19/04/2019 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

En Común-Unidas Podemos esixirá recursos para a rexeneración inmediata da Ría do Burgo desde o próximo Goberno

En Común-Unidas Podemos comprometeuse este venres a esixir recursos efectivos para acometer a rexeneración inmediata da Ría do Burgo en caso de ter unha posición decisiva na conformación do próximo Goberno.

O candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, afirmou que “o noso compromiso é sentar a todas as administracións implicadas, chegar a un acordo e asignar no primeiro trámite orzamentario recursos efectivos para o dragado e a rexeneración porque é absolutamente fundamental para a vida da comarca. Miles de familias seguen vivindo do marisqueo e de actividades indirectas”.

Gómez-Reino considerou que “a xente moza está reivindicando cada venres a necesidade de traballar por un planeta posible, e cremos que a Ría do Burgo concentra as dúas cuestións que precisamos para ese planeta: un medio ambiente saneado e unha capacidade de traballo que sexa respectuosa co ecosistema”.

O candidato de En Común-Unidas Podemos lamentou que “levamos demasiado tempo falando de que hai que resolver dunha vez un problema de afectación ambiental tan importante coma este”. Ademais , lembrou que a situación da Ría “ten unha derivada no equilibrio do ecosistema moi grave e nociva, pero tamén no ámbito laboral: máis de dúas mil persoas traballaban hai anos nesta ría, e a día de hoxe esa carga de traballo está claramente mermada debido aos niveis de contaminación”.

O cabeza de lista pola Coruña insistiu en que “levamos décadas de reivindicacións. Seis anos despois dun informe da Unión Europea que empregaba a palabra ‘inmundicia’ para o estado no que se atopa a Ría do Burgo, e dous anos tras a aprobación do informe de impacto ambiental que permite proceder ao dragado e á rexeneración, seguimos na mesma situación”. Fronte a isto, apuntou que “na pasada lexislatura presentamos diferentes iniciativas na defensa dos postos de traballo e demandando medidas orzamentarias para acometer a rexeneración da Ría”.

Gómez-Reino asegurou que “é imprescindible que as administracións públicas tomen unha posición decidida. Cando se toman en serio este tipo de cuestións, hai solucións”. Como exemplo do “camiño que debemos seguir”, quixo poñer en valor a xestión do concello da Coruña, que “reduciu un 70% as emisións no seu termo municipal”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.