En Común Unidas Podemos pide unha solución «para garantir a carga de traballo en Vulcano»

Yolanda Díaz reclamou ás Administracións que busquen alternativas, como un inversor, para garantir a carga de traballo.
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de En Común Unidas Podemos,Galicia,Política,Vigo

En Común Unidas Podemos pide unha solución «para garantir a carga de traballo en Vulcano»

A deputada de En Común-Unidas Podemos, Yolanda Díaz, mantivo este mércores unha xuntanza co Comité de Empresa de Vulcano para amosar a solidariedade cos traballadores e traballadoras, xunto co candidato da Marea de Vigo, Rubén Pérez, e o catedrático Jaime Cabeza.

«O sector naval é estratéxico en Galicia, pedimos unha mirada ampla desde a Xunta e o Ministerio de Industria para que teñan en conta que este estaleiro non pode pechar», afirmou a deputada.

Díaz reclamou ás administracións que busquen alternativas, como un inversor, para garantir a carga de traballo.

«Se deixan caer Vulcano a cidadanía ten que mobilizarse. É unha peza estratéxica na configuración industrial en Galicia», engadiu.

A deputada comprometeuse a que, unha das primeiras iniciativas do Congreso, será para defender esta estaleiro.

«Temos que garantir que as débedas que pesan nos traballadores, por impagos de nóminas, sexan sufragadas. Pedimos que os postos de traballo sexan garantidos. Facemos un chamado ao delegado de industria e a Ministra Maroto para visitar Vigo e coñecer de primeira man a situación en Vulcano», engadiu.

O presidente do Comité de Empresa, Nicolás Sangabriel, resaltou a «calidade parar facer barcos en data e tempo» e «non pode ser que o que se invertiu en formación de profesionais se tire pola borda».

«Vulcano ten que seguir. Non podemos permitir que isto se peche, o barrio de Teis sería o principal afectado, pero tamén a industria galega», engadiu.

O candidato da Marea de Vigo, Rubén Pérez, remarcou o compromiso por este estaleiro que «vai cumprir 100 anos e é unha parte importante na Industria de Galicia, é referencia da ría e unha parte fundamental da historia da cidade».

«Hai carga de traballo e as forzas que estaremos nas entidades locais non esqueceremos a importancia da industria en Vigo. Imos tentar que esté na axenda políticas das municipais, o concello de Vigo ten que ser a vangarda na defensa do estaleiro», afirmou.