En Común Unidas Podemos reivindica en Vigo que hai que ter as mans libres para gobernar ao servizo das maiorías sociais

A candidata ao Congreso, Yolanda Díaz, destacou que “o PSOE non derroga a reforma laboral porque ten débedas cos poderosos” nun acto no que tamén interviron Alberto garzón, Ángela Rodríguez Pam e Antón Gómez-Reino.
Por o 13/04/2019 | Sección: En Común Unidas Podemos,Galicia,Política,Vigo
En Común Unidas Podemos reivindica en Vigo que hai que ter as mans libres para gobernar ao servizo das maiorías sociais

En Común Unidas Podemos reivindicou este sábado nun multitudinario acto en Vigo que para gobernar ao servizo das maiorías sociais “hai que ter as mans libres e non depender dos poderes económicos”.

A candidata ao Congreso, Yolanda Díaz, destacou, nun Teatro García Barbón abarrotado, que o PSOE non leva a cabo medidas como derrogar a reforma laboral, intervir o prezo da luz ante os abusos das eléctricas ou reclamarlle á banca que devolva os 60 mil millóns de euros do rescate porque “ten débedas cos poderosos”. Fronte a isto, reclamou o voto para En Común Unidas Podemos porque “só nós podemos facer que o Goberno mire polos intereses da xente”.

Yolanda Díaz tamén incidiu en que na última lexislatura “conseguimos a subida do salario mínimo porque tiñamos 69 deputadas e deputados. Precisamos forza para defender á xente do noso país e para conseguir que se siga subindo o SMI. O PSOE presume dos permisos de paternidade e maternidade igualitarios ou do subsidio a maiores de 52 anos, pero esas medidas saíron adiante grazas a nós”. Díaz tamén reclamou que Pedro Sánchez diga con quen quere gobernar “para que a xente non vote enganada”.

O candidato ao Congreso e coordinador federal de Izquierda Unida, Alberto Garzón, fixo fincapé na súa intervención en loitar contra a “normalización da precariedade laboral”. “Hai dez anos ser mileurista era un drama, pero hoxe dinnos que é un privilexio. Que proxecto de vida podes armar con ese salario e se non sabes se terás traballo a semana que vén?”. Garzón afondou en que “esta candidatura é a única que pode resolver os problemas desde a raíz. Cando hai unha oposición entre os dereitos humanos e poderes económicos, Unidas Podemos di dereitos humanos. O resto di poderes económicos”. Por iso considerou que “o 28A xogámonos o país que se pode construír nos próximos anos e votar a Unidas Podemos é a única forma de garantizar un futuro para todos e todas”.

Pola súa banda, o candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez Reino, advertiu de que “o PSOE cando está forte goberna con políticas de dereitas. Por iso é tan importante un goberno no que estemos, para recordarlle cal é o camiño. Temos a oportunidade de elixir unha alternativa para as maioría sociais”.

Para Gómez-Reino é imprescindible formar “un Goberno valente que se comprometa coa memoria histórica, que pode quitar a Cruz do Castro, ou que protexa os nosos sectores produtivos. Sabemos que o PSOE non o vai facer, e esta cidade merece algo mellor”. E concluíu asegurando que “temos a posibilidade de poñer a Galicia no centro do Goberno, o 28A saímos a gañar”.

A candidata á Cámara Baixa por Pontevedra, Ángela Rodríguez, centrou a súa intervención na importancia de que o feminismo esté presente de xeito transversal nas políticas do próximo Executivo. “Somos feministas e somos pro-vida. Gustaríame que a xente nova deste país tivera un salario mínimo máis alto para poder formar unha familia e pagar alugueiros. Iso si é ser provida, reclamar unha vida digna”, e engaidu que “as feministas queremos poñer orde, queremos gobernar. Existe un futuro mellor que a realidade á que nos queren condenar. Hai un futuro e é feminismo. Votar feminismo o 28A é votar En Común Unidas Podemos”.

O candidato ao Congreso por Pontevedra e catedrático de dereito do traballo, Jaime Cabeza, resaltou a necesidade de “defender un sistema que nos permita vivir unha vida con garantías e dignidade”.

Vanessa Angustia, candidata ao Senado por Pontevedra, proclamou que “somos a única posibilidade de saír da escuridade e frear o fascismo”, mentres que a candidata ao Congreso por Ourense, Ledicia Piñeiro, instou a votar por En Común Unidas Podemos para rebelarse contra “os que queren que nos resignemos a non ter unha vida digna”. Pola súa parte, a candidata ao Congreso por Lugo, Vanessa Somoza, afirmou que “temos que aproveitar esta oportunidade para mudar o modelo de país e que a clase traballadora tome o protagonismo”.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, chamou a “ mobilizar a todo o mundo para ser decisivas” e o candidato á alcaldía de Vigo pola Marea de Vigo, Rubén Pérez, fixo referencia á reunión que mantiveron momentos antes do acto con traballadoras e traballadores do sector naval e ás traballadoras de educación infantil que denunciaban a precariedade nos salarios e destacou que “o maior insulto que se lles fixo foi non derrogar a reforma laboral”.

Fotos del evento

Comentar noticia

Your email address will not be published.